
O PSdeG presentará unha moción alternativa a do PP no concello de Santiago e anuncia unha batería de iniciativas no Parlamento para que a conselleira de Política Social compareza e explique canto se desviou da dependencia ao Bono Coidado
A deputada socialista recordou que detrás de cada dato hai vidas que non puideron agardar por unha axuda: “Só en 2024 morreron 345 galegos e galegas esperando unha valoración ou unha prestación da Lei de Dependencia, e desde 2017 son máis de sete mil. Esa é a urxencia coa que esiximos respostas”
A deputada do PSdeG Silvia Longueira esixiu este mércores á Xunta de Galicia que aprobe dunha vez o Plan Estratéxico de Servizos Sociais que ten pendente desde 2008 e que faga públicos os datos das transferencias recibidas do Estado para financiar a Lei de Dependencia entre 2012 e 2025. Os socialistas presentarán unha moción alternativa á do PP no pleno do concello de Santiago para reclamar a información, e unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia que obrigue á conselleira de Política Social a comparecer e dar contas.
Longueira centrou a súa intervención no incumprimento sistemático da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, cuxo artigo 45 obriga á Xunta a elaborar un Plan Estratéxico cada seis anos. “Desde 2008 deberían estar aprobados dous plans e estaríamos a piques de empezar o terceiro. Aprobouse algún? Ningún. Nin un”, denunciou.
A deputada socialista cualificou esta ausencia como “a proba máis clara da falta de implicación da Xunta no liderado do sistema galego de servizos sociais” e advertiu de que o baleiro de planificación prexudica directamente ás persoas e aos concellos, que carecen dunha folla de ruta autonómica para cubrir as necesidades dos seus veciños.
Reclama transparencia total sobre os fondos da dependencia
Longueira adiantou que o Grupo Parlamentario Socialista presentará no Parlamento de Galicia unha interpelación á conselleira de Política Social e unha batería de iniciativas que esixe tres informes concretos: as transferencias do Estado a Galicia para a dependencia desde 2012, as achegas que a Xunta repartiu aos concellos galegos para o Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia no mesmo período, e, sobre todo, canto se detraeu deses fondos da dependencia para destinalo ao Bono Coidado entre 2023 e xuño de 2026.
“Eses son os números que a Xunta non quere dar”, advertiu a parlamentaria. “E mentres non os dea, o discurso da débeda do Estado é unha cortina de fume.”
Esixe que Galicia deixe de ser a comunidade que menos inviste por dependente
A socialista recordou que, segundo os últimos datos da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, Galicia ocupa a última posición do Estado en investimento por persoa potencialmente dependente, con 1.490 euros, fronte aos 3.102 do País Vasco, 2.757 de Estremadura, 2.632 de Baleares e 2.578 de Navarra. “Á cola está Galicia. Detrás de Galicia só Canarias e Murcia”, subliñou Longueira.
A deputada denunciou tamén unha das consecuencias máis graves do colapso do sistema: a hospitalización social encuberta. “Hai persoas maiores que levan semanas e meses ingresadas en hospitais do Sergas non por motivos médicos, senón porque a Xunta non lles ofrece un recurso social.”
Segundo recordou, Galicia presenta un déficit de 11.509 prazas residenciais para cumprir a ratio que marca a normativa, pero a ocupación media das residencias galegas está no 76%, seis puntos por debaixo da media nacional. “Hai prazas baleiras e xente agardando. Iso non é falta de recursos. É falta de xestión.”
Respecto para as traballadoras do SAF e a renovación do convenio de 2023
Longueira tamén interpelou directamente á Xunta polo abandono das profesionais do Servizo de Axuda no Fogar. Recordou que o convenio colectivo do sector leva caducado desde 2023 e que a Consellería de Política Social acordou na FEGAMP fixar o copago do SAF en 16 euros por hora, cunha progresión que chegará aos 18 ao final do mandato, “porque era iso nada”.
“Trátase dun sector feminizado e precarizado. Unha traballadora foi asasinada por un usuario, outras teñen presentado denuncias, e a resposta institucional segue sendo o silencio.” A parlamentaria esixiu á Xunta que convoque urxentemente á mesa sectorial para desbloquear o convenio.
Reproba o uso da moción do PP en Santiago como “coartada” política
Longueira foi especialmente dura coa moción que o Partido Popular rexistrou no pleno santiagués reclamando ao Goberno de España o pagamento dunha suposta débeda en materia de dependencia. “A resposta do PP a un sistema en colapso é presentar unha moción para pasarlle a pelota a Madrid. Esa é a súa idea de xestión.”
“O PP leva dezasete anos gobernando Galicia con maiorías absolutas, sen aprobar o Plan Estratéxico. E a súa resposta é buscar culpables fóra”, concluíu. “Nós apoiaremos reclamarlle ao Estado o que corresponda, pero primeiro a Xunta ten que ensinar canto recibiu, canto repartiu e canto desviou”.
A deputada socialista iniciou e concluiu su intervención lembrando que detrás de cada dato hai vidas que non puideron agardar. “Só en 2024 morreron 345 galegos e galegas esperando unha valoración ou unha prestación da Lei de Dependencia, e desde 2017 son máis de sete mil. Esa é a cifra que mide o fracaso da política do PP. E esa é a urxencia coa que esiximos respostas.”