

Carmen Rodríguez Dacosta advertiu que a prevención “non é un complemento da extinción, senón unha prioridade: é a condición necesaria para que a extinción non sexa desbordada, como aconteceu o pasado verán”
A deputada socialista reclamoulle á Xunta “planificación anticipada” para que os traballos de prevención se inicien antes do 31 de marzo de cada ano e un plan extraordinario para compensar o “déficit acumulado” de investimentos
“En pleno mes de agosto de 2025, con Galicia ardendo e con Ourense volvendo ser epicentro dos grandes incendios forestais, máis de oito millóns de euros dunha partida específica de prevención seguían sen executarse”. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta puxo ese feito como exemplo da “inexecución estrutural”, por parte da Xunta, dos fondos destinados a previr o lume.
A parlamentaria do PSdeG advertiu hoxe en comisión que non se trata dunha cuestión puntual, senón de algo “sostido no tempo, dun patrón”. Explicou que desde que o PP goberna quedaron sen gastar arredor de 180 millóns de euros do programa 551B dos Orzamentos autonómicos, “directamente relacionado coa prevención”. Foron “180 millóns que non se converteron en cortalumes acondicionados, 180 millóns que non se converteron en rozas feitas con antelación suficiente, 180 millóns que non se converteron en infraestruturas forestais preparadas para frear a propagación do lume”, criticou.
Advertiu tamén que a prevención “non é un complemento da extinción, senón unha prioridade: é a condición necesaria para que a extinción non sexa desbordada, como aconteceu o pasado verán”.
Case 2.000 millóns destinados ao medio rural quedaron sen gastar
Rodríguez Dacosta alertou de que esas cifras forman parte dun problema “moito máis profundo”, porque nos programas orzamentarios 55 e 71, directamente vinculados ao medio rural, o presuposto que quedou sen consumir suma preto de 2.000 millóns de euros. “Iso demostra que o rural non lles importa, e a defensa do monte tampouco”, díxolles aos populares, aos que acusou de contribuír ao “despoboamento sostido e ao avellentamento extremo” de zonas como gran parte da provincia de Ourense. “Cada euro sen executar é tamén unha oportunidade perdida para fixar poboación e modernizar explotacións, para xerar actividade económica e manter a vida no territorio”, sinalou en referencia a vinculación directa entre despoboamento e incendios. “E a fixación de poboación non se fai con discursos, faise con investimento executado, faise con políticas que pasan do papel ao terreo”, subliñou.
Dacosta defendeu na sesión desta mañá unha iniciativa a través da que se reclamou á Xunta que en menos de dous meses presente un informe “detallado e desagregado por concellos e parroquias” no que se especifiquen o orzamento consignado desde 2010 a prevención de lumes forestais, o grao de execución deses fondos, as actuacións concretas que se realizaron en cada territorio e o número de comunidades de montes e concellos beneficiarios. Reclamou que o documento inclúa tamén un calendario obrigatorio de planificación anticipada, co fin de garantir que todas as actuacións de prevención financiadas con fondos públicos estean aprobadas e iniciadas antes do 31 de marzo de cada exercicio.
Por outra banda, esixiu que o Goberno galego lle remita ao Parlamento todos os anos un balance de execución orzamentaria en materia de prevención de incendios, tamén con datos desagregados por concellos e parroquias, e unha avaliación do impacto das actuacións na redución do risco de lumes. Finalmente, demandou un plan extraordinario de apoio a concellos e comunidades de montes “que sufriron a non execución das actuacións preventivas desde 2010 ata hoxe”, co fin de compensar o “déficit acumulado” e minorizar riscos de cara ás próximas campañas.