

O secretario xeral do PSdeG lembra que o carpetazo á macrocelulosa por parte da Xunta foi obrigado tras cortarlle os socialistas, desde o Goberno, o financiamento e a conexión eléctrica
O Grupo Socialista acudirá á vía xudicial para esclarecer o acordo do PP coa empresa e insiste na creación dunha comisión de investigación coas comparecencias de Rueda, Feijóo e Francisco Conde
Besteiro rexeitou o “relato do medo” que, ao seu xuízo, tenta instalar o PP e negou que o arquivo do proxecto deixe sen futuro industrial a Lugo ou a Galicia: “O que deixa en evidencia é a ausencia dunha verdadeira política industrial
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou hoxe o arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri por parte da Xunta como “unha victoria para Galicia fronte a un proxecto que o país nin quería, nin necesitaba”.
Besteiro asegurou que esta decisión supón tamén “a constatación do fracaso da política industrial de Rueda”. Lembrou que Altri era “o seu proxecto estrela, o mascarón de proa co que os galegos e galegas relacionaban ao Partido Popular e a Alfonso Rueda cos proxectos industriais en Galicia”.
O líder socialista afirmou que o presidente da Xunta “debe dar moitas explicacións e pedir perdón polo apoio a este proxecto frustrado desde os seus inicios”. Recordou que os e as socialistas defenderon desde o principio que a macrocelulosa debía cumprir os parámetros económicos, sociais e medioambientais, e que dese análise xa se desprendía que non era un proxecto bo para Galicia.
Neste sentido, explicou que a marcha atrás da Xunta foi consecuencia directa das negativas do Goberno socialista. Enumerou o “triple non” ao proxecto: aos PERTE de descarbonización, ás axudas extraordinarias e á súa inclusión na planificación eléctrica 2025-2030. Esta última decisión, subliñou, foi determinante ao impedir a súa conexión á rede eléctrica.
“Foi o Goberno central quen paralizou este proxecto plantexado polo Partido Popular”, afirmou, e criticou que, malia esas negativas, a Xunta mantivese durante meses unha expectativa arredor dunha iniciativa que “hoxe cae definitivamente”.
Besteiro denunciou que se vendeu Altri como “un proxecto tractor” cando, en realidade, era “unha operación política sen base industrial sólida” e “un novo bluff de Alfonso Rueda”.
O secretario xeral esixiu “transparencia inmediata” e reclamou explicacións sobre “que compromisos concretos adquiriu a Xunta coa empresa nese pacto secreto que se nega a ensinar”. Preguntou tamén que incentivos, garantías públicas ou promesas económicas, fiscais ou administrativas se puxeron enriba da mesa e canto lle pode custar esta aposta fallida ás arcas públicas, “é dicir, a todos os galegos e galegas”.
Ademais, anunciou que o PSdeG acudirá á vía xudicial para esclarecer ese acordo e reiterou a petición dunha comisión de investigación no Parlamento con comparecencias de Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde, ao considerar que esta operación se iniciou no seo do Partido Popular.
O relato do medo do PP
Besteiro tamén rexeitou o “relato do medo” que, ao seu xuízo, tenta instalar o PP e negou que o arquivo do proxecto deixe sen futuro industrial a Lugo ou a Galicia. “O que deixa en evidencia é a ausencia dunha verdadeira política industrial por parte do Partido Popular”, afirmou.
Concluíu que o futuro industrial de Galicia non pode depender dun único anuncio inflado nin de promesas que non superan os filtros técnicos e ambientais, e instou á Xunta a planificar e atraer industria moderna, sostible e aliñada cos estándares europeos, capaz de xerar emprego estable e de calidade.
“Rueda debe explicar os pactos secretos e plantexar un viraxe total na súa política industrial”, rematou o líder socialista na súa comparecencia ante os medios.