

O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista fai balance do ecuador da lexislatura e acusa a Rueda de gobernar a base de titulares e propaganda mentres a realidade é que “medran as listas de espera en vivenda, sanidade e dependencia”
Reprochou ao PP que rexeitara todas as propostas do socialistas como o Banco Público de Alugueiro para mobilizar vivenda baleira, o blindaxe por lei da cita en 48 horas en Atención Primaria ou un novo modelo de financiamento municipal. “Non faltan propostas. O que falta é vontade de executalas”, sinalou
Besteiro concluíu que “quedan dous anos, pero para miles de galegos e galegas estes dous anos xa se están facendo eternos” porque, advertiu, “os titulares non curan, non constrúen vivenda e non crean emprego. Gobernar é resolver problemas, non buscar sempre un culpable externo”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo hoxe balance dos dous anos de lexislatura cando se cumpre a metade do mandato autonómico e concluíu que “as cifras desmontan o relato triunfalista da Xunta”.
Besteiro asegurou que “nunca un presidente deixou en Galicia a tantos galegos e galegas sen vivenda, sen médico e sen os cartos que lles corresponden”, en referencia á evolución das listas de espera e aos datos oficiais da propia Xunta que desmontan “os titulares do PP”.
En materia de vivenda, lembrou que preto de 30.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública, o dobre que ao inicio do mandato e 7.000 máis que hai un ano. Só na última semana, sinalou, incorporáronse máis de 300 novas solicitudes. Criticou o “baile de cifras” do presidente da Xunta, que pasou de prometer 8.000 vivendas públicas neste mandato a falar de 20.000 e, recentemente, de 10.000 ata 2030.
“A realidade é que os fondos europeos chegaron en 2023, que en 2025 apenas había 150 vivendas executadas e que o grao de execución orzamentaria nesta área non alcanzaba o 80% no terceiro trimestre do pasado ano. Hoxe só hai 825 vivendas en construción mentres miles de familias seguen esperando”, advertiu.
No ámbito sanitario, denunciou que 350.000 persoas agardan por unha cita médica e preto de 50.000 por unha intervención cirúrxica. Engadiu que existen decenas de concellos sen cobertura médica varios días á semana e que a falta de pediatras e profesionais en atención primaria está a trasladar a presión ás Urxencias hospitalarias.
Besteiro insistiu en que “non falamos de estatísticas frías. Falamos de xente que non consegue cita en tempo razoable, de persoas maiores que esperan meses por unha proba, de familias que acaban na privada porque non atopan resposta”, afirmou.
En dependencia, cifrou en máis de 16.000 as persoas pendentes de resolución, cunha demora media superior aos 300 días. Lembrou que se trata dun trámite que condiciona a vida diaria de persoas maiores e con discapacidade e criticou que nestes dous anos non se puxera en marcha ningunha nova residencia pública promovida directamente pola Xunta.
No plano económico e industrial, Besteiro sinalou que o anunciado Pacto pola Industria e pola Enerxía “non existe a día de hoxe” e que o fondo público-privado de 300 millóns para proxectos estratéxicos non está operativo. Indicou que dos 14 PIES declarados polo Consello da Xunta ningún está autorizado e que XESTUR rexistrou en 2024 o peor dato de venda e promoción de solo industrial da última década.
Ademais, advertiu de que Galicia medra en emprego á metade do ritmo estatal, que o desemprego xuvenil continúa arredor do 28% e que a taxa de actividade segue cinco puntos por baixo da media española. “Prometeuse cota cero para autónomos e aplicouse con convocatorias condicionadas, non como dereito automático”, engadiu.
O líder socialista reprochou ao PP que rexeitara propostas como o Banco Público de Alugueiro para mobilizar vivenda baleira, o blindaxe por lei da cita en 48 horas en Atención Primaria ou un novo modelo de financiamento municipal. “Non faltan propostas. O que falta é vontade de executalas”, sinalou.
Besteiro concluíu que “quedan dous anos de lexislatura, pero para miles de galegos e galegas estes dous anos xa se están facendo eternos” porque, advertiu, “os titulares non curan, non constrúen vivenda e non crean emprego. Gobernar é resolver problemas, non buscar sempre un culpable externo”.