

O PSdeG celebró unha reunión interparlamentaria con marcada clave electoral para aliñar estratexias e mensaxes en todas as institucións onde os socialistas ten representación
Besteiro cuestiona as prioridades da Xunta e insta a que aclaren os términos do memorando con Altri asinado, segundo a propia Xunta, “á marxe do control administrativo”
O líder socialista relaciona a crise de xestión da Xunta coa inseguridade xurídica creada por unha lei de repotenciación eólica mal feita e sen consenso
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que o socialismo galego está a coordinar a súa acción política en todas as institucións para “defender Galicia cunha soa voz”, nun momento político clave xa en perspectiva municipal. Así o sinalou antes da celebración dunha reunión interparlamentaria dos e das socialistas galegos, concibida como “espazo de traballo para aliñar estratexias, prioridades e mensaxes desde o ámbito local ata o europeo”.
Besteiro subliñou que esa coordinación é esencial para construír unha alternativa sólida e coherente, con continuidade entre o que se defende en Bruxelas, en Madrid e no Parlamento de Galicia, especialmente ante problemas que afectan directamente ao día a día da cidadanía. “Un deles, seguramente o máis grave neste momento en Galicia xunto co acceso á vivenda, é a situación da sanidade pública”, advertiu.
Neste sentido, foi contundente ao afirmar que a sanidade galega “non ten un problema puntual nin conxuntural, senón un problema estrutural de recursos, de xestión e de liderado”. Unha realidade que, segundo explicou, se manifesta nas listas de espera (360.000 persoas agardando por unha consulta, 50.000 por unha operación) na atención primaria saturada, na falta de profesionais e no esgotamento do persoal sanitario. “Non é un diagnóstico partidario. Lévanlle tempo poñéndolle voz os profesionais e os doentes. O sistema está ao límite e a xente síntese abandonada cando máis o necesita”, engadiu.
Por iso, Besteiro animou á cidadanía a participar na manifestación convocada para este domingo, coa previsión de que sexa masiva. “Non se trata dun conflito político, senón de defender un dereito básico: unha sanidade pública e de calidade. Iso concírnenos a todos”, afirmou.
O líder dos socialistas galegos vinculou directamente a situación da sanidade co financiamento e coas prioridades políticas do Goberno galego. “Para que a sanidade funcione fan falta recursos, pero tamén decisións e capacidade de xestión. E hoxe en Galicia non hai nin unha cousa nin a outra”, criticou, antes de reprochar ao presidente da Xunta a súa falta de liderado. “Non está a negociar, non está a liderar e non está a dar respostas, nin no financiamento nin na xestión diaria da sanidade pública”, sinalou.
Neste contexto, Besteiro referiuse tamén ao memorando asinado entre a Xunta e a multinacional Altri, cuxo contido segue sen aclararse. “É lexítimo preguntarse en que se priorizan os cartos públicos cando a Xunta admite que asinou un memorando á marxe do control administrativo e se nega a dar explicacións”, advertiu. Segundo indicou, falamos de posibles compromisos millonarios, con impacto territorial, ambiental e económico, adoptados sen transparencia. “Non é crible que algo así se fixese sen coñecemento político ao máis alto nivel”, engadiu.
Por este motivo, reiterou a esixencia de explicacións e a solicitude dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para esclarecer que se asinou, con que mandato político e con que consecuencias para Galicia. Adiantou que o PSdeG contactará con outras formacións políticas para sacar adiante este órgano fiscalizador para saber toda a verdade.
Lei da Xunta mal feita que crea inseguridade xurídica
A preguntas dos xornalistas, Besteiro referiuse tamén ao contencioso no Tribunal Constitucional sobre a repotenciación eólica, que enmarcou na normalidade democrática. O secretario xeral do PSdeG foi claro ao sinalar que “non se paralizou a repotenciación en Galicia”, senón que o TC suspendeu parcialmente unha lei da Xunta “porque está mal feita e non cumpre as regras”.
Besteiro explicou que o problema de fondo é unha falla de planificación que acaba xerando conflitos nos tribunais. “O que non se pode facer é pretender corrixir esa falta de planificación saltándose a seguridade xurídica e impoñendo decisións á brava”, advertiu, lembrando que existen regulacións estatais e, sobre todo, europeas que din xustamente o contrario. Nese sentido, reclamou asumir erros, normalizar este tipo de recursos xudiciais e facer “unha reflexión sensata e profunda” sobre se as decisións que se están tomando son as adecuadas.
Lembrou ademais que a repotenciación eólica xa se viña facendo, que se segue facendo en toda España e que hai marcos normativos e fondos europeos que a amparan. “O problema non é a repotenciación, o problema é o modelo que defende o PP en Galicia”, insistiu.
Finalmente, Besteiro puxo o foco nas promesas incumpridas da Xunta no ámbito enerxético e lembrou que hai máis dun ano se anunciou a posta en marcha dunha comercializadora pública que ía permitir rebaixar de inmediato a factura da luz. “Pasaron catorce meses e aínda non sabemos se está funcionando, como funciona nin que efecto real está tendo nos recibos da luz dos galegos e das galegas”, concluíu.