
No encontro que o líder socialista mantivo con Teresa Ribera, esta mostrouse “plenamente consciente” da gravidade dos incendios en Galicia e da necesidade de reforzar as políticas de prevención
O secretario xeral do PSdeG critica ao Partido Popular por aliñarse en Bruxelas coa ultradereita nunha posición “absolutamente negacionista” fronte ao cambio climático
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo hoxe unha reunión de traballo na Comisión Europea coa vicepresidenta Teresa Ribera, un encontro centrado na transición enerxética, a industria verde e a protección do territorio.
Tralo encontro, Besteiro destacou que o Pacto Verde Europeo representa unha oportunidade clave para “resituar a Galicia na primeira liña da transición enerxética” e impulsar unha industria máis competitiva, innovadora e sustentable. Subliñou que existen fondos e instrumentos europeos que permitirían dar un salto cualitativo, pero lamentou a falta de estratexia da Xunta, gobernada polo PP.
“Galicia podería estar liderando sectores e cadeas de valor ligados ás enerxías limpas, pero para iso fan falta proxectos e visión, e o PP non está a dar ese paso”, afirmou.
Incendios e política ambiental: Galicia precisa máis acción
O líder socialista trasladou a preocupación polo impacto dos incendios deste verán, un fenómeno que Ribera coñece “con total precisión”, destacando a necesidade de reforzar a prevención e a xestión forestal. Besteiro insistiu en que Galicia —un dos territorios máis afectados aínda que non o único— precisa planificación e investimento, e alertou de que a parálise da Xunta está a empeorar a situación.
Ao mesmo tempo, reclamou aproveitar o potencial económico e ambiental da Rede Natura, lembrando que continúa aberto un expediente europeo pola súa insuficiente protección.
Crítica á posición do PP no Parlamento Europeo
Besteiro afeou tamén ao PP que, na recente votación en Bruxelas, se aliñase coa ultradereita adoptando unha posición que cualificou de “absolutamente negacionista”, situándose á marxe do consenso científico e político europeo sobre a Emerxencia Climática, “porque xa debemos falar de emerxencia”.
Na xuntanza, o secretario xeral do PSdeG abordou tamén o potencial da eólica terrestre e mariña, así como dos novos combustibles limpos, sectores nos que Galicia podería ser “punta de lanza” se existise vontade política da Xunta para acompañar o investimento privado e os fondos europeos.
En relación con Altri, Besteiro lembrou que tanto o Goberno de España como a Comisión Europea rexeitaron apoiar o proxecto a través de diferentes vías de financiamento. “Por cuarta vez non obtén respaldo, corroborando que non supera a avaliación ambiental, social e económica”, sinalou.