
Carlos López Font alerta de que a Xunta incumpre a normativa que regula a accesibilidade impoñendo “obstáculos inadmisibles” ás persoas con discapacidade
Reclama unha auditoría inmediata da liñas de transporte por estrada e a renovación urxente das flotas que incumpran cos requisitos de accesibilidade universal
O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Carlos López Font, esixiulle hoxe á Xunta que cumpra coa normativa que garante transporte público adaptado para as persoas con discapacidade. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Infraestruturas do Parlamento na que denunciou o desleixo do goberno galego mentres os usuarios con algún tipo de discapacidade atopan “obstáculos inadmisibles” cada día.
Sinalou que “falar de transporte público é falar de igualdade, de cohesión e de dignidade”, pero o modelo de transporte por estrada promovido polo PP dende a Xunta “segue sen garantir a accesibilidade universal que a Lei e a xustiza social esixen”.
López Font lembra que as licitacións do transporte interurbano da Xunta obrigan ás empresas teñen a cumprir coas condicións do Real Decreto que regula as condicións básicas de accesibilidade, e esixe ademais que un mínimo dun dez por cento das circulacións deben realizarse con vehículos adaptados. Ademais, esixe ás empresas que informen cun mínimo de 24 horas das circulacións que vaian ser prestadas con vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida.
Sen embargo, as persoas usuarias vense “abandonadas” e obrigadas a avisar eles mesmos “con días de antelación” para poder subir ao bus, vense esperando baixo a choiva a vehículos que nunca chegan ou directamente dependen da boa vontade dos condutores para poder acceder.
Explicou que gran parte dos buses interurbanos carecen de ramplas operativas, os horarios adaptados son “escasos” e en “demasiadas comarcas os servizos concertados simplemente non contemplan as necesidades específicas das persoas con mobilidade reducida ou discapacidade sensorial”.
López Font levou ao Parlamento as demandas da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade -Cogami-, que ten convocado mobilizacións baixo o lema “Teletransporte contra a discriminación” para denunciar que o transporte público en Galicia non está adaptado. Sinalan que faltan ramplas, elevadores, espazos para cadeiras de rodas, puntos de recarga para equipos médicos e persoal formado nun servizo que incumpre os estándares de accesibilidade.
Auditoría
Os socialistas galegos esíxenlle ao goberno galego que realice unha auditoría inmediata das liñas de transporte público por estrada para comprobar o grao real de accesibilidade, e que renoven de forma urxente as flotas de vehículos que incumpran cos requisitos de accesibilidade. Ademais, reclama un Plan autonómico de mobilidade inclusiva acordado coas asociacións de persoas con discapacidade e que garantan formación obrigatoria para os condutores e persoal de transporte.
Sinalou que “a inclusión non é unha opción política, é unha obriga moral”, polo que “Galicia non pode seguir permitindo que milleiros de galegos e galegas se sintan como cidadáns de segunda polo simple feito de ter unha discapacidade”. Resumiu que “o transporte público non pode ser unha barreira, debe ser unha porta aberta” que a Xunta ten a obriga de abrir “con compromiso, con investimento e con sensibilidade social”.