Elena Espinosa sinala que a falla de ambición do goberno galego “enquista” a fenda económica de Galicia co resto do Estado
Apunta que o último informe da Airef alerta de que Galicia incumpriu a regra de gasto en 2024 e está en risco de incumprilo no próximo ano polas rebaixas fiscais e o incremento de gasto
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Elena Espinosa, sinalou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2026 “non están á altura dos desafíos de Galicia”. Así o dixo na intervención do conselleiro de Facenda que abriu a rolda de comparecencias para presentar os Orzamentos para o próximo ano, lastrados polas rebaixas fiscais e unhas previsións de crecemento escasas que van “enquistar” a fenda económica co resto do Estado.
A responsable socialista criticou que o goberno galego aposte polas rebaixas de impostos “a quen menos o necesita”, beneficiando ao 4 por cento dos galegos e galegas. Ademais, afeoulle que “sigan apostando por amortizar a débeda e pagar os seus intereses no canto de aforrarse un terzo” da contía que debe Galicia simplemente aceptando a quita da débeda que lle ofrece o Estado.
Reclamou uns orzamentos que respondan a un “compromiso coa responsabilidade, coa eficiencia e co benestar da cidadanía”, cunhas contas “sostibles e xustas, que poñan ás persoas no centro e que fagan de Galicia un país máis próspero”. Ao contrario, as contas presentadas polo PP, dixo, renuncian a ingresos para impoñer beneficios fiscais aos máis ricos e rexeitan á quita da débeda, lastrando o crecemento ata o punto de que hai consellerías que medrarán por debaixo do IPC.
Regra de gasto
Elena Espinosa advertiu que as rebaixas fiscais e o incremento de gasto poden provocar que volvan incumprir a regra de gasto, ao igual que fixeron en 2024 como vén de sinalar a Airef. Segundo a autoridade fiscal, o goberno galego incrementou o seu gasto un 9 por cento en 2024, superando o máximo de referencia do 2,6 por cento, e xa son tres anos -2016, 2019 e 2024-, ademais de que incumpriu nunha ocasión o obxectivo de viabilidade e nunca o de débeda.
A responsable socialista alertou de que segundo a AIReF, precisamente o impacto das rebaixas fiscais e o incremento do gasto “acentúan o risco de incumprimento da regra de gasto no ano 2026 e seguintes” e, advertiu, “teremos tempo de ver se a AIReF ten razón”.
Puxo así en dúbida así a xestión dos orzamentos por parte do PP, que no último ano liquidado, o 2023, deixaron sen executar 1.138 millóns de euros, e no ano 2024 só investiron 1.800 millóns dos 2.879 previstos, deixando no caixón o 40 por cento dos investimentos que tiñan comprometidos sen ter dado ningunha explicación.
A parlamentaria socialista criticou que o PP e o goberno galego intenten entorpecer o traballo da oposición presentando os Orzamentos sen marxe de traballo, forzando a súa chegada á Cámara o pasado luns para comezar coas comparecencias hoxe xoves cun Pleno polo medio, nunha mostra, dixo, de “deslealdade política”.
Espinosa retrucoulle ás críticas do PP contra o goberno central lembrando que o goberno do PP con Montoro como ministro de Facenda prorrogou os orzamentos en 3 ocasións dende 2018, ao igual que sucede nas comunidades autónomas de Murcia, Castela e León, Valencia, Estremadura, Aragón e Baleares.
Ademais, afeoulles que intenten entorpecer a xestión orzamentaria do Estado rexeitando ata en tres ocasións a senda de estabilidade, malia o que o goberno presidido por Pedro Sánchez incrementou as transferencias no sistema de financiamento un 40 por cento nos últimos 7 anos.