Paloma Castro advirte que a norma “nace sen vontade de ser aplicada” e censura a hipocrisía do PP, que defende esta norma despois de plantar o cumio do Clima convocado a semana pasada
A parlamentaria socialista Paloma Castro sinalou “carencias importancias, ambigüidades e falta de compromiso orzamentario” no proxecto de Lei do Clima de Galicia. Castro criticou a hipocrisía do goberno galego, que defende esta norma unha semana despois de plantar o Cumio do Clima convocado a semana pasada polo goberno por orde de Feijóo.
A responsable socialista sinalou que a Lei é “necesaria” pero “nace sen vontade de ser aplicada” por parte do PP, xa que regula medidas de mitigación, adaptación, eficiencia enerxética, protección do territorio ou mobilidade sostible pero “sen financiamento específico”. Criticou que estableza obrigas, pero “non habilita os medios para cumprilas”, sinaladamente para os concellos, que “verán como se lles impoñen responsabilidades sen dotación económica asociada”.
Engadiu que por moi ambiciosa que semelle “no papel”, resultará “inútil na práctica” ao carecer de memoria económica, previsión de fondos ou novas liñas de financiamento. Esixiulle ao goberno galego que siga o exemplo de Euskadi, que destinou máis de 80 millóns de euros ao Plan Klima 2050 ou de Cataluña, que pola súa banda puxo en marcha o Fons Climàtic, que move arredor de 150 millóns de euros anuais.
Ademais, explicou, supón un retroceso nas competencias municipais, alterando o marco competencial sen facilitar os fondos que requiren o concellos, ao tempo que centra o réxime sancionador case exclusivamente nas entidades locais sen fomentar mecanismos reais de cooperación entre as administracións.
Castro chamou a aproveitar o trámite parlamentario para facer da Lei unha ferramenta que permita “liderar unha transición xusta e sostible”, que incorpore ademais compromisos reais de redución de emisións, con prazos claros e ambición acorde cos obxectivo fixados no Acordo de París. Alertou de que Galicia está a “fallar de maneira grave” na transformación do sistema enerxético, sen a cal “non hai política climática real”.
Dixo que a “inacción lexislativa” e a “falta de planificación” por parte do PP dende a Xunta de Galicia está a provocar a “parálise practicamente total” na tramitación de proxectos eólicos, que ten provocado unha situación de “bloqueo total”. Advertiu que a norma fai referencia ás comunidades enerxéticas pero “non articula medidas reais para impulsalas”, polo que calquera colectivo veciñal que queira crear unha comunidade enerxética atópase fronte a un “labirinto burocrático”.
Barreiras ao autoconsumo
Paloma Castro sinalou que Galicia é hoxe a Comunidade Autónoma do Estado con máis barreiras ao autoconsumo, segundo informes da Fundación Renovables e Unef, que sinalan as trabas administrativas impostas a estas instalacións. Responsabilizou ao goberno galego de que Galicia vaia “á cola en autoconsumo fotovoltaico”, con apenas 3.200 instalacións rexistradas en 2023 fronte ás máis de 25.000 de autonomías como Andalucía ou Cataluña.
A responsable socialista salientou ademais a infrarrepresentación feminina nas políticas climáticas, con óranos de decisión, consellos consultivos e grupos de trabalo en materia ambiental fortemente masculinizados.
Castro reclamou unha Lei que aborde o cambio climático de forma transversal, xa que afecta á mobilidade, á vivenda, á industria, ao sector forestal, á pesca ou ao turismo, xa que afronta unha “crise sistémica que require dunha resposta sistémica”. Finalmente, emprazou ao goberno galego a liderar unha reforma fiscal dirixida a premiar os comportamentos sostibles e penalizar os prexudiciais.