O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista reivindicou que a nova norma marca “un antes e un despois” na política de transporte en España e en Galicia e lamentou o bloqueo do PP que puxo en risco “10.000 millóns de euros de fondos europeos”
O secretario xeral lembrou que a Xunta de Galicia nin sequera respondeu á proposta do Estado para integrar as liñas dependentes do Ministerio na rede galega de transporte: “Como xa nos ten acostumados, a Xunta non responde nin contesta, nin se senta nas mesas nas que se tratan temas importantes para Galicia”, denunciou
Poucas comunidades como a galega se van beneficiar tanto desta norma, xa que blinda e financia todas as paradas de autobús existentes,” impedindo que ningún goberno futuro poida suprimilas nin deixalas caer”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao Partido Popular de mentir e de intentar bloquear os 10.000 euros de fondos europeos destinados á modernización do transporte e da mobilidade en Galicia, ao votar en contra da Lei de Mobilidade Sostible, aprobada esta semana no Congreso.
“Mentres os socialistas traballamos por garantir esa igualdade, o PP fai o de sempre: mentir, alarmar e votar en contra. Esa forma de facer política ten un nome: irresponsabilidade absoluta”, asegurou Besteiro.
O líder socialista reivindicou que a nova norma marca “un antes e un despois” na política de transporte en España e en Galicia, porque “por primeira vez, o Estado vai garantir por lei o dereito á mobilidade”. “A cidadanía ten como dereito fundamental o dereito a moverse, e iso deixa de ser un privilexio para converterse nun dereito garantido por lei”, explicou.
Galicia, gran beneficiada dunha lei que o PP rexeita
Besteiro subliñou que “poucas comunidades como a galega se van beneficiar tanto desta norma”, xa que blinda e financia todas as paradas de autobús existentes, impedindo que “ningún goberno futuro poida suprimilas nin deixalas caer”.
“Quero que o tempo poña a cada un no seu lugar. Mentres o Partido Popular mente e manipula, os socialistas garantimos por lei o que eles querían poñer en dúbida”, engadiu.
O secretario xeral lembrou que a Xunta de Galicia nin sequera respondeu á proposta do Estado para integrar as liñas dependentes do Ministerio na rede galega de transporte: “Como xa nos ten acostumados, a Xunta non responde nin contesta, nin se senta nas mesas nas que se tratan temas importantes para Galicia”, denunciou.
Segundo explicou, esta falta de colaboración provocou que Galicia estea a perder oportunidades de mellora na coordinación e eficiencia do transporte público, algo que a lei estatal agora corrixe: “Esta lei pon luz sobre os fallos que se producen no transporte urbano e interurbano da Xunta, especialmente no rural”, dixo.
“O PP puxo en risco 10.000 millóns de euros de fondos europeos”
Besteiro advertiu de que o voto en contra do PP poñía en risco 10.000 millóns de euros en fondos europeos destinados a proxectos de mobilidade sostible.
“A Unión Europea vinculaba a aprobación desta lei a financiar eses 10.000 millóns adicionais para España. O PP sabíao perfectamente, e aínda así votou en contra”, reprochou.
Agora, e grazas a estes fondos, poderanse electrificar novas liñas de ferrocarril, mellorar servizos interurbanos e desenvolver proxectos de mobilidade sostible en vilas e cidades galegas.
Falamos, engadiu Besteiro, “de inversións que van traer modernización, igualdade e cohesión territorial, fronte ao bloqueo e á mentira permanente do PP galego”.
“O transporte da Xunta é un caos absoluto”
O líder socialista contrastou a acción do Goberno de España coa xestión da Xunta en materia de transporte:
“En Galicia temos o exemplo do que pasa cando o Partido Popular fai o que lle dá a gana: o transporte interurbano da Xunta é un verdadeiro caos”.
Besteiro lembrou que mesmo “a Valedora do Pobo leva meses denunciando servizos suprimidos, autobuses que non chegan, usuarios obrigados a viaxar de pé, vehículos vellos e horarios imposibles. A Xunta nin controla as concesionarias nin responde ás queixas da cidadanía”, criticou.
A aposta socialista: mobilidade, igualdade e futuro
O secretario xeral do PSdeG defendeu a nova lei como “unha aposta pola Galicia que queremos para o futuro”, unha Galicia “conectada, igualitaria e sostible”: “A nova Lei conecta o rural, garante dereitos e aposta polo transporte de futuro en Galicia. É a política útil que beneficia á xente”, destacou.
Finalmente, Besteiro fixo un chamamento ao PP: “Que deixen de mentir, de bloquear e de poñer paus nas rodas. Xa é hora de facer política responsable, con visión de país”.