*Máis aló da emerxencia inmediata, Rodríguez Dacosta chamou hoxe a unha reflexión seria. “Xa en 2019 un grupo de expertos entregou ao Parlamento recomendacións moi claras: ordenación forestal, diversificación dos usos da terra, educación ambiental… E nada diso se puxo en marcha.
Puxo en valor o compromiso do Goberno de España, lembrando que onte o presidente Sánchez prometeu máis efectivos militares para reforzar o dispositivo contra os incendios e esa mesma tarde chegaron 250 militares adicionais á provincia de Ourense.
O PSdeG apelou hoxe á unidade política e social para facer fronte á vaga de incendios que está a arrasar Galicia e instou a Alfonso Rueda a sumarse ao Pacto de País sobre emerxencia climática anunciado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e adiantado por José Ramón Gómez Besteiro o pasado 13 de agosto en Maceda (Ourense).
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta advertiu de que “só desde a responsabilidade compartida se pode dar unha resposta real a uns lumes de sexta xeración alimentados polo cambio climático” e reclamou medidas inmediatas para apoiar ás persoas afectadas.
Rodríguez Dacosta insistiu en que “o primeiro agora é apagar o lume, pero non podemos quedarnos aí”. Reclamou activar canto antes plans de axuda ás persoas damnificadas e intervir de maneira urxente nas zonas queimadas para evitar que a erosión e a perda de solo agraven aínda máis a catástrofe. Pediulle a Rueda que “as medidas que habilite sexan inmediatas, porque os afectados non poden esperar”.
Nese sentido, puxo en valor o compromiso do Goberno de España, lembrando que onte o presidente Sánchez prometeu máis efectivos militares para reforzar o dispositivo contra os incendios e esa mesma tarde chegaron 250 militares adicionais á provincia de Ourense. “Esa é a diferenza entre actuar con responsabilidade e adiar as solucións. Galicia necesita apoio inmediato, non boas palabras para dentro dun mes”, subliñou.
Falta de medios e previsión
A deputada reiterou unha denuncia que o Grupo Socialista leva tempo facendo: a falta de efectivos nos servizos de extinción. “As prazas sen cubrir, as brigadas incompletas, os retrasos no Pladiga… Todo isto, que parecía só burocracia, agora tradúcese en menos mans e menos ollos no monte cando máis se precisan”, explicou.
Engadiu que “non podemos seguir con políticas de parches. Non chega con mobilizar ao Exército para abrir cortalumes cando o lume xa está enriba. Ese traballo debía estar feito antes”.
Máis aló da emerxencia inmediata, Rodríguez Dacosta chamou a unha reflexión seria. “Xa en 2019 un grupo de expertos entregou ao Parlamento recomendacións moi claras: ordenación forestal, diversificación dos usos da terra, educación ambiental… E nada diso se puxo en marcha. Levan máis dun lustro agardando nun caixón”, lembrou.
Por iso destacou a proposta do presidente Pedro Sánchez dun pacto de Estado contra a emerxencia climática, do que xa falara Besteiro en Maceda. “É unha oportunidade que Galicia non pode deixar pasar, e convidamos ao señor Rueda a ser valente e sumarse. Porque só desde a unidade poderemos defender a nosa terra das chamas. Galicia non pode seguir loitando cun modelo forestal propio do século pasado cando o que temos diante son incendios de sexta xeración, alimentados polas temperaturas extremas do cambio climático”.
Recoñecemento e compromiso
A parlamentaria tamén quixo enviar unha mensaxe ás persoas que están a sufrir máis de preto: “Sabemos do dor que provoca ver desaparecer unha granxa, unha industria ou a casa onde se levantou toda unha vida. Non é só perda económica, é unha ferida na forma de vivir e de entender a terra”.
Ao tempo, expresou o agradecemento dos e das socialistas “ás brigadas, forzas e corpos de seguridade, á UME e a todos os voluntarios e voluntarias que loitan contra o lume sen descanso, moitas veces en condicións extremas e mesmo arriscando a súa saúde”.
Finalmente, Rodríguez Dacosta comprometeuse a levar ao Parlamento unha proposta para impulsar unha planificación integral, un corpo de prevención único e profesionalizado e unha política de coidado do territorio con visión de futuro. “Porque o noso país non merece outra vaga de destrución como a que estamos a vivir”, concluíu.