O secretario xeral do PSdeG ironizou coa apelación ao “rearme moral” por parte de Feijóo na manifestación de onte: “O di quen foi amiguísimo de Marcial Dorado, quen mantén a Mazón como presidente e quen nunca tivo unha soa palabra para as vítimas da pandemia mortas sen atención médica en Madrid por orde da presidenta desta comunidade
Besteiro se referiu á obriga que teñen os dirixentes do PP, segundo os seus propios estatutos, de comunicar este tipo de situacións ao presidente do partido. “Se Rueda lle contou a Feijóo o que pasara, estamos ante dous dirixentes que o ocultaron durante meses, e iso implica responsabilidades políticas”
Denunciou tamén que Rueda viñera coas mans vacías da Conferencia de Presidentes: “Perdimos millóns de euros para vivenda porque preferiu facer de comercial do PP que de presidente de Galicia. “Rueda non é un presidente, xa é un problema para Galicia”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Alfonso Rueda de “calar cando hai que dar explicacións, obedecer antes que defender Galicia e poñer por diante os intereses do PP”. “Este país precisa un presidente que dea a cara, que estea do lado da cidadanía e que afronte os problemas sen ocultacións”, afirmou.
Besteiro sinalou tres feitos que, ao seu xuízo, definen a actitude de Rueda e do seu partido: a protesta do PP que tivo lugar onte en Madrid e que non logrou apoio social, a negativa a aceptar millóns de euros para vivenda pública, pese a que é o maior problema hoxe en día para a cidadanía, e a ocultación durante meses dunha denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar.
Sobre a mobilización de Feijóo en Madrid, afirmou que “nin sequera é quen de convencer aos seus” e que “a rúa lanzoulle unha mensaxe clara: que asuma os resultados electorais e abandone a estratexia da crispación”.
Ironizou tamén coa apelación ao “rearme moral” por parte de Feijóo: “Foi amiguísimo de Marcial Dorado, mantén a Mazón como presidente tras abandonar aos valencianos nunha emerxencia, e nunca tivo unha soa palabra para as vítimas da pandemia mortas sen atención médica en Madrid por orde da presidenta desta comunidade. É a hipocrisía da dereita”.
En relación coa denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar, lembrou que os feitos se produciron en xaneiro, que Rueda di que o soubo en febreiro, e que non foi ata xuño cando se fixeron públicos. “A pregunta é clara: cando soubo Rueda o que pasara, e que fixo nese momento?”, preguntou.
Besteiro tamén se referiu á obriga que teñen os dirixentes do PP, segundo os seus propios estatutos, de comunicar este tipo de situacións ao presidente do partido. “Se Rueda lle contou a Feijóo o que pasara, estamos ante dous dirixentes que o ocultaron durante meses, e iso implica responsabilidades políticas, ambos deberían dar explicacións de inmediato”, advertiu.
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista condenou que o foco mediático caera sobre a vítima: “Apenas quince minutos despois da rolda de prensa de Villares xa se sabía quen era a denunciante. Iso non foi casualidade. É unha liña vermella que non se pode traspasar, porque o que vimos foi un exemplo claro de machismo institucional: ocultación, silencio e exposición pública da vítima para protexer ao cargo político”, denunciou.
Tamén censurou a decisión da Xunta de renunciar aos fondos estatais para vivenda pública na Conferencia de Presidentes. “Mentres outras comunidades si os aceptaron e recibiron 1.538 millóns de euros para impulsar vivenda pública, Galicia perdeu unha oportunidade histórica. Non necesitamos un comercial do PP, necesitamos un presidente que defenda os intereses da xente deste país”.
Besteiro concluíu sinalando que “Rueda cala cando debería falar, obedece cando debería defender Galicia, e oculta cando debería actuar. Non é un presidente, xa é un problema para Galicia”.