O secretario xeral do PSdeG chamou en Ferrol, nun acto con motivo do 75.º aniversario da Declaración de Schuman, a loitar polos dereitos sociais, a igualdade e o planeta: “Esa é a UE que defendemos desde a socialdemocracia”
O líder socialista sinalou que, nun momento no que a propia idea de Europa está de novo posta a proba, nunca antes tivo tantos instrumentos para actuar, “e a clave é usalos ben”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Ferrol a paz, a solidariedade, o desenvolvemento e o progreso como como os valores sobre os que se construíu a Unión Europea. Son, lembrou, conceptos presentes na Declaración de Schuman, oficioso discurso fundacional da UE, do que hoxe se cumpren 75 anos.
Besteiro pechou na sede de Afundación o acto “A Europa que Protexe”, que o Partido Socialista organizou con motivo da efeméride, e no que tamén interviron o eurodeputado Nicolás González Casares; o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, e a coordinadora comarcal en Ferrolterra, Natividad González Laso.
Na súa intervención, o líder socialista destacou a visión “valente” sobre a que se construíu o futuro común, “superando guerras e levantando pontes” para sentar as bases da convivencia “desde a cooperación e a xustiza social”. Sinalou tamén que naquel momento había necesidade de “superar o desastre” da guerra “para que nunca máis o medo, o odio ou o fanatismo nos volveran levar ao abismo”.
Hoxe, “nun momento no que a idea de Europa está de novo posta a proba”, dixo, a mesma idea de protección “débenos guiar” na defensa “dos valores democráticos, os dereitos sociais, a igualdade e o planeta que compartimos”. Referiuse Besteiro, en concreto, a ameazas como a ultradereita, os ultranacionalismos, as ameazas de Trump e as desigualdades que persisten. Porén, subliñou que Europa nunca antes tivo tantos instrumentos para actuar, e a clave “é usalos ben”.
Os dereitos, a garantía dunhas condicións de vida dignas e as oportunidades reais para toda a cidadanía forman parte “da Europa que defendemos desde a socialdemocracia, e España, e polo tanto tamén Galicia, deben estar á altura para neutralizar as ameazas e axudar aos nosos aliados”, afirmou.
O secretario xeral socialista puxo como exemplo desa Europa que protexe fitos como o plan de recuperación Next Generation, co que se salvou a crise da covid dedicando máis de 800.000 millóns de euros a modernizar o continente. Trátase dun plan que, “en gran medida”, se acadou grazas ao pulo dos socialistas a través do presidente Sánchez, que tivo “un liderado clave”.
Besteiro destacou que o resultado deses investimentos se pode comprobar en calquera lugar da nosa xeografía. Como exemplo, puxo iniciativas que se están a desenvolver na cidade na que tivo lugar o acto, actuacións tan transformadoras como a humanización da avenida das Pías ou a conexión ferroviaria do porto exterior ferrolán, entre outras. E valorou tamén que só en Galicia se están a desenvolver “investimentos reais” por valor de máis de 4.000 millóns de euros.
Ademais, a aposta pola defensa e a seguridade común vaise traducir en breve nun novo impulso á industria con efectos especialmente relevantes para a comunidade e para Ferrol en concreto. “Falamos de emprego digno, con salarios mellores e estabilidade, na liña do que sempre defendemos os e as socialistas galegos”, explicou para reivindicar “unha industria forte, verde e con futuro”.
“Hoxe temos moito que celebrar no Día de Europa, pero tamén moito polo que seguir loitando”, concluíu o líder do PSdeG