

O secretario xeral do PSdeG acompañou ao alcalde Miguel Fernández diante do Cuartel de San Fernando para reclamar unha infraestrutura «vital» para a cidade, para Galicia e para todo o noroeste peninsular
Sobre a moción de censura, Besteiro asegurou non ter “ningún tipo de contacto” con María Reigosa e lémbralle que “aínda está a tempo de rectificar”
O alcalde de Lugo enmarcou o caso do Museo nunha lista de incumprimentos da Xunta coa cidade que inclúe a calzada das Gándaras, a Serra de Meira, a conexión das Gándaras coa A-6, a Ronda Leste e os preto de 15 millóns de euros de canon da auga que os veciños e veciñas pagan “sen que reverta nin un céntimo en Lugo”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe en Lugo o bloqueo «constante» do Partido Popular sobre os grandes proxectos da cidade nos últimos anos e sinalou o Museo da Romanización como a mostra máis clara da «discriminación» que a Xunta de Galicia leva exercendo case unha década. Besteiro acompañou ao alcalde, Miguel Fernández, diante do Cuartel de San Fernando, o edificio do século XVIII chamado a acoller un museo que segue sen botar a andar pese a que o Concello ten todo listo desde hai anos.
“Que o PP non saque votos en Lugo nin nas enquisas nin nas urnas durante 27 anos non é casualidade. É consecuencia directa dunha actitude de bloqueo permanente cara a esta cidade», afirmou Besteiro, que apuntou directamente á persoa que inspira a moción de censura municipal, en referencia a Elena Candia: “Estaba caladiña no Parlamento de Galicia cando se aprobaban os orzamentos sen un só euro para o Museo da Romanización. Os seus votos favorecían esa situación de discriminación”.
O dirixente socialista reivindicou o Museo como unha infraestrutura «absolutamente vital», non só para Lugo senón para toda Galicia e para o noroeste peninsular, cun dobre valor cultural e turístico. “É inexplicable que a Xunta non se volcase nestes dez anos cun proxecto que é un verdadeiro motor para a cidade. Mentres tanto, os fondos ían para outras localidades”, denunciou.
Besteiro comparou o caso do Museo co bloqueo histórico do Plan Paradai, que xa estaba aprobado cando el chegou por primeira vez á Corporación de Lugo no ano 1999 e do que se seguiu falando durante décadas. “Son obras que sufriron o bloqueo do PP, e ese tempo perdido xa non se pode recuperar», lamentou. Asegurou que o PSdeG seguirá traballando “no goberno, na oposición ou desde o ámbito individual» por todos os proxectos que beneficien a Lugo, e contrapuxo o modelo socialista, “construído con proxectos progresistas e de avance”, ao «torpedeo» sistemático do PP.
Preguntado pola actual situación municipal, Besteiro indicou que non mantén “ningún tipo de contacto” con María Reigosa, pero engadiu que “aínda está a tempo de rectificar”. “Rectificar é de sabios”, subliñou.
Os incumprimentos da Xunta con Lugo
O rexedor lugués denunciou a situación na que a Xunta de Galicia ten a Lugo desde hai case unha década en relación co Museo da Romanización. Lembrou que o Concello ten todo listo para poñer en marcha unha infraestrutura “imprescindible” que permitiría exhibir e dar a coñecer as preto de 25.000 pezas arqueolóxicas que hoxe permanecen gardadas por falta dun local axeitado.
“Temos un edificio do século XVIII declarado BIC pola propia Xunta, temos os restos arqueolóxicos, temos partidas orzamentarias suficientes para afrontar a parte que nos corresponde e mesmo concorremos ao 2% cultural para tratar de achegar financiamento adicional. O que falta é o cumprimento da Xunta”, reprochou Fernández.
O alcalde recordou que o Concello adquiriu no seu día o edificio ao Ministerio de Defensa cun investimento “moi importante” e cuestionou que a Xunta si destinase fondos millonarios ao Cinema Fraga de Vigo ou ao Pazo de Lourizán mentres mantén ano tras ano “unha partida ridícula” para o Museo de Lugo “sabendo que non se vai executar”. “Sistematicamente non se executaba e esa mesma cantidade volvía incorporarse aos orzamentos seguintes”, denunciou.
Fernández enmarcou o caso do Museo nunha lista de incumprimentos da Xunta coa cidade que inclúe a calzada das Gándaras, a Serra de Meira, a conexión das Gándaras coa A-6, a Ronda Leste e os preto de 15 millóns de euros de canon da auga que os veciños e veciñas levan pagando “relixiosamente” sen que reverta nin un céntimo en Lugo. “Os datos demostran unha discriminación moi importante da Xunta cara a esta cidade”, subliñou.
O rexedor apelou ao “verdadeiro clamor” cidadán que xa se manifestou no acto central dos 25 anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade e advertiu que a reivindicación do Museo seguirá adiante “no goberno ou na oposición”: “Sabemos que é unha necesidade absoluta e seguiremos pelexando”.