O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que “asuma responsabilidades políticas” pola fusión das caixas galegas e a súa posterior venta apresurada, coa perda das entidades galegas, de 9.000 millóns de euros e 3.700 empregos. Francisco presentou unha pregunta oral en Comisión na que sinalou que “alguén ten que responsabilizarse” do “tremendo fracaso” da operación.
Criticou que “Feijóo non asume ningún tipo de responsabilidades a pesares de ser o presidente da Xunta que apadriñou e impulsou a fusión”, optando por un “exercicio de escapismo”. Lembrou o auto da Audiencia Nacional que sinala que Caixanova tería hoxe viabilidade de non ter sido forzada a fusionarse con Caixa Galicia, que sorprendentemente foi respondido por Feijóo sinalando ao Banco de España.
Aquel auto derivou na apertura, por terceira Lexislatura consecutiva, da Comisión de Investigación das Caixas no Parlamento de Galicia, na que os socialistas reclamarán o informe de KPMG empregado por Feijóo como coartada para impulsar a fusión. Francisco lembrou que o propio responsable de KPMG sinalara no Congreso que o informe, polo que a Xunta pagou un millón de euros, nin fora unha auditoría nin recomendara a fusión das caixas.
Juan Carlos Francisco reclamou ademais o informe da Consellería de Facenda, daquela encabezada por Marta Fernández Currás, con relación á operación, así como as actas das reunións nas que se aprobou a fusión. Criticou a celeridade do proceso para vender a entidade resultante, no que a Xunta permaneceu en silencio, en lugar de seguir o proceso de Bankia e mantela para recuperar os investimentos.
Criticou que en lugar de apelar á “solvencia e galeguidade” da entidade, o goberno galego avalara a venta acelerada da entidade a un inversor privado que ao ano seguinte xa recollera beneficios que compensaban o importe pagado pola adquisición. Lamentou que a pesares de que as caixas teñen desaparecido do tecido financeiro, noutras comunidades autónomas “os bancos resultantes son controlados de xeito importante pola Fundación desas caixas”, algo que non sucede en Galicia.
Sinalou que “hai bastante que investigar e aclarar e dilucidar a existencia de responsabilidades políticas”, en engadiu que “existen razóns que evidencian que se están ocultando datos e razóns polas que desapareceu o sistema financeiro galego que os galegos e as galegas teñen dereito a coñecer”. Dixo que a operación concluíu nun “tremendo fracaso cun enorme custe económico, e aquí alguén ten que responsabilizarse no plano político”.