Marina Ortega reclama “parámetros obxectivos e transparencia nos datos” e “protocolos que permitan evacuar de inmediato aos positivos para evitar a propagación da pandemia” nas residencias
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que sinala que a Consellería de Política Social “está a fallar na forma de proceder” fronte á pandemia, derivando nunha situación “inasumible” nas residencias de maiores. Ortega reclámalle á Xunta que empregue “parámetros obxectivos e transparencia nos datos”.
A responsable socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que cuestiona a actuación da Consellería de Política Social, que “está a fallar na forma de proceder neste contexto, polo que é urxente que se aporte toda a información en sede parlamentaria”. Reclamou “protocolos que permitan evacuar aos positivos para evitar a propagación da pandemia” nas residencias.
Marina Ortega reclama coñecer os antecedentes de actuación da Consellería nos centros antes de aparecer os contaxios, así como “saber se houbo medidas preventivas, e sobre todo, medidas concretas en canto ao incremento do persoal”. Así o dixo logo de coñecer a intervención, onte, da residencia de Salvaterra, e hoxe a DomusVi de Ribadumia.
Explicou que “na segunda onda da pandemia xa son moitas as residencias que están a sufrir contaxios masivos e de xeito abrupto”, ademais das dúas citadas, coma o Incio, Culleredo, Outeiro de Rei, a residencia de Pereiro, Val de Monterrei, a Nosa Señora do Viso en Lobeira, así como o centro residencial de xestión pública directa da Nosa Señora dos Miragres, en Barbadás.