O secretario xeral pide “coherencia” ás distintas forzas políticas para votar nas investiduras en consecuencia “coas súas mensaxes” de campaña
O Carballiño, 13 de xuño de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afeou hoxe ao presidente da Xunta a súa insistencia en que debe gobernar a lista máis votada, sobre todo, porque o fai “pensando no seu”, consciente de que non vai revalidar a maioría absoluta cando sexan as eleccións autonómicas.
“Feijóo está pensando no seu, pero nós queremos falar da cidadanía”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen hoxe estivo visitando O Carballiño en compañía do alcalde, Paco Fumega. “Entendo que Feijóo está moi nervioso, porque sabe que o primeiro posto nas autonómicas está en xogo”, remachou.
E, no que atinxe ás negociacións de cara ás investiduras que se producirán o vindeiro sábado, Gonzalo Caballero pediu “coherencia” ás distintas formacións políticas para votar en consecuencia coas mensaxes que transmitiron durante a campaña electoral.
“Nós somos un partido serio e coherente”, destacou o máximo responsable do PSdeG, quen recordou que durante a campaña electoral sempre fixo fincapé na súa vocación de construír “gobernos de progreso” como alternativa á dereita nos distintos municipios de Galicia.
Así foi, como evocou, no caso da cidade de Ourense, onde “plantexamos a necesidade de pasar páxina tras catro anos de ineficacia” e, por iso, “presentamos o mellor candidato, coa mellor candidatura” e “gañamos as eleccións”. De cara a deputación, proseguiu, sempre avogou por poñer fin aos Baltar e “abrir unha etapa de progreso”.
A LEXISLACIÓN
Nese escenario, no que os votos socialistas non son suficientes para determinar o goberno, como sinalou Gonzalo Caballero, “outras forzas terán que decidir que queren facer” tras anos “criticando a Baltar”.
De non acadarse ningún acordo que sume unha maioría absoluta, como apuntou o secretario xeral do PSdeG, a lexislación determina que a forza máis votada ten a responsabilidade de encabezar o goberno.
O CARBALLIÑO
No caso do Carballiño, o secretario xeral puxo en valor “o compromiso” do alcalde, Paco Fumega, coa súa vila, o que o levou a obter “unha maioría absoluta clara e rotunda” o pasado 26 de maio.
Pola súa banda, quen será de novo investido alcalde o vindeiro sábado, agradeceu á súa veciñanza a “confianza” recibida nas urnas e tamén o “apoio” que tivo do Partido durante a campaña.