O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou hoxe que a próxima Lei de Ordenación Farmacéutica incorporará a proposta socialista para acotar a dispensación de fármacos a domicilio. Esta proposta foi incluída a raíz dunha emenda do Grupo Socialista á dita Lei no trámite de debate en Comisión, que tivo lugar hoxe e que deixou o texto listo para o seu debate final no Pleno do Parlamento.
O acordo acadado a última hora facilitou que os socialistas apoiaran o ditame desta Lei que, explicou Torrado, “regula relativamente ben o que regula”, malia que resulte “insuficiente” á hora de garantir o acceso, ou diferenciar entre farmacia hospitalaria e oficinas de farmacia, e falla na “vontade transformadora do sistema”. Os socialistas presentaron un total de 70 emendas a esta Lei, das que finalmente foron aceptadas 23 e transaccionadas outras 6.
O parlamentario socialista ligou o apoio final ao ditame coa incorporación da proposta para limitar a dispensación a domicilio ás farmacias no entorno do paciente para “evitar as diferenzas competitivas” que prexudiquen ás pequenas en favor das grandes empresas. Resumiu apuntando a necesidade de “evitar a amazonización da farmacia” no territorio galego.
Os socialistas galegos incorporaron ademais unha serie de iniciativas parlamentarias para incorporar a perspectiva dos usuarios, garantindo os seus dereitos, así como abrir a posibilidade de incrementar os servizos prestados nestes establecementos. Reclamou “garantir a igualdade competitiva entre oficinas de farmacia, garantindo o maior acceso posible ao usuario”, así como a “garantía competitiva nun sistema semiliberalizado”.
Torrado salientou a participación de colexios oficiais e entidades de farmacia no desenvolvemento do texto, que a Consellería rematou “sen explicar os motivos da súa toma de decisións finais”, e sen incorporar ademais o punto de vista dos usuarios, que foron “menos consultados porque a Lei os contemplaba en menor medida”.