A deputada socialista Patricia Vilán lamentou o veto do PP a unha Proposición non de Lei que levou hoxe á Comisión de Infraestruturas que se celebrou no Parlamento para reclamar a mellora integral da seguridade viaria e peonil na PO-308 ao seu paso polo Concello de Poio.
A responsable socialista advertiu que se trata “dunha das estradas máis saturadas de Galicia e unha das máis utilizadas para ir ás praias no verán”, con tramos nos que nin sequera existe beiravías, co que “no verán hai accidentes tódalas semanas, e mesmo téñense producido varias mortes”.
Vilán levou ao Parlamento a demanda do Goberno local, que demanda unha vía alternativa a esta estrada co obxecto de reducir o nivel de tráfico na estrada da costa que comunica a vila co concello veciño de Sanxenxo, transformándoa así nunha travesía urbana que facilite a convivencia dos veciños que lindan con ela, ademais de seguir avanzando en medidas de seguridade.
Sinala que o propio Plan Xeral de Poio inclúe unha conexión alternativa que permitiría derivar os fluxos de tráfico que se producen na ponte de A Barca e na súa contorna, evitando tráficos cruzados mediante a construción da conexión denominada Viario do Bao, que conecta a estrada de Vilagarcía –PO 531- coa da parroquia de Campañó –PO 310-.