O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luís Álvarez, presentou esta mañá en Comisión unha proposta para instar a Xunta a solucionar os problemas de seguridade derivados da construción da glorieta que divide o núcleo de Beltrán –Xove- e o camiño veciñal de “A Meixoeira”. O responsable socialista lamentou que o PP queira “desviar responsabilidades” e ignorase a cidadanía de Beltrán ao rexeitar a iniciativa socialista.
Álvarez pediu a creación de pasos de peóns debidamente sinalizados polos que cruzar a vía de acceso á VAC CG2.3 e ao camiño veciñal, o cal debería de ser de “sentido común” tendo en conta o avellentamento da poboación e a presenza de persoas con mobilidade reducida.
O deputado socialista recordou na Cámara que, segundo o previsto no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, a seguridade neste tipo de tramos e responsabilidade da Consellería. Deste xeito, a instalación de pasos de peóns ten que estar precedida pola construción de beirarrúas a ambos lados –segundo a normativa vixente-, unha actuación “razoable” ao “carecer de toda complexidade e custo para a administración autonómica”.
O responsable socialista lembrou que aos poucos días de estar en funcionamento este tramo os veciños da zona presentaron un escrito firmado por 72 persoas nos que se pedía unha solución. O portavoz socialista solidarizouse con eles e pediu a solución pois esa xente vese obrigada a cruzar todos os días un tramo perigoso ao, ironizou, “non poder levitar”.