A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou hoxe que o PP vetara no Parlamento unha proposición non de Lei para urxirlle á Xunta un proxecto integral de coidado e atención do encoro da Baxe, no río Umia. A responsable socialista advertiu que con este voto poñen “en evidencia” ao PP de Caldas, que o pasado día 10 votaba a favor da proposta no Concello.
Vilán denunciou que dende a construción do encoro, en 2001, os diversos responsables de Política Territorial do goberno galego viñeron anunciado reiteradamente diversas actuacións para a mellora, mantemento e conservación do río, “sen que fixeran absolutamente nada”. O resultado deste desleixo, dixo, foi que “hoxe temos un río en alerta por cianobacteria”, unha alga potencialmente perigosa para a saúde.
Esta situación provoca que, ademais de ter pechado o río para o baño, o Concello de Caldas teña que destinar entre 30 e 40.000 euros cada verán para garantir a calidade da auga que abastece a un concello de menos de 10.000 habitantes.
A responsable socialista lamentou que desta volta o goberno galego teña agardado a que os socialistas levaran esta iniciativa ao Parlamento para enviar, onte mesmo, unha nota de prensa para anunciar a limpeza das zonas de dominio publico do encoro e unha xuntanza co alcalde de Caldas.
Patricia Vilán reclamou ademais unha xuntanza urxente da Consellería coa Confederación Hidrográfica Galicia – Costa, Augas de Galicia e tódolos concellos da conca do Umia para dar conta da situación do río e das medidas previstas. Tamén se dirixiu á conselleira de Medio Ambiente para pedirlle que “abandone por un momento a campaña electoral como candidata en A Coruña” e convoque o Observatorio dos Ríos de Galicia que ela preside.
Tamén lle reclamou un encontro urxente cos responsables dos concellos afectados e se comprometa a facilitarlles de maneira continuada a información referida ao encoro da Baxe e a canle do río Umia, permitindo a coordinación entre administracións.