A parlamentaria socialista Patricia Vilán acusou hoxe ao PP de impedir a creación de novos Equipos de Valoración e Orientación da discapacidade –EVO- con carácter estable no Norte da provincia de Pontevedra. Logo do veto do PP a unha proposición non de Lei en Comisión, sinalou que “non estamos por un modelo de política social que pense nos cartos e nos números senón nas persoas e nos seus dereitos”.
A responsable socialista reclamou hoxe a posta en marcha, neste ano 2019, dun mínimo de dous EVO estables para o norte da provincia, así como o incremento do número de postos de traballo destes “co obxectivo de eliminar no prazo máximo de seis meses a quenda de agarda, tanto nas solicitudes como nas revisións das valoracións da discapacidade”.
Vilán presentou na Cámara autonómica o “atraso nas solicitudes de valoración e orientación da discapacidade na provincia de Pontevedra, dada a escaseza de persoal e de equipas que existen”. Sinalou o intento de “maquillaxe” por parte da Consellería de Política Social, que “parcheouno con 6 equipos temporais para o EVO do Norte e 4 para o Sur”.
Sinalou que o pasado 28 de febreiro remataron o seu labor logo de 9 meses “e os resultados do servizo son algo mellores, mais en absoluto suficientes”, logo de ter resoltos un total de 4.000 expedientes dende que comezaron a traballar os equipos temporais. Así, os equipos mixtos adiantaron 2 anos, e os psicolóxicos e médicos adiantaron 1 ano, mentres os prioritarios, que levaban un ano de retraso, xa están ao día.
Como consecuencia, explicou, a tramitación é “excesivamente lenta, porque a contratación de persoal por acumulación de tarefas é temporal, precísase persoal especializado, e agora mesmo faltan 2 médicas e unha psicóloga nos equipos fixos”.