A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama á Xunta que “reverta os servizos mínimos de xestión directa nos hospitais comarcais” e que desapareceron no Hospital de O Barco de Valdeorras. A parlamentaria socialista alerta de que os recortes aplicados pola Xunta provocan un grave deterioro na calidade asistencial para toda a cidadanía do lugar.
Ortega apunta que “servizos como Cardioloxía, Dermatoloxía, Traumatoloxía, Cirurxía, Uroloxía ou Urxencias limitaron significativamente as consultas ou directamente deixaron de funcionar, obrigando aos pacientes a desprazarse 206 quilómetros ida e volta ata o Hospital de Ourense para ser atendidos ou, aqueles que poden, desprazarse á privada en Ponferrada”.
A responsable socialista reclámalle ademais ao goberno galego que elabore un “plan inmediato para solucionar o que está a acontecer co servizo de Radioloxía”, onde sucede “o mesmo que cos servizos que se perderon nos últimos anos”. Alerta de que “a falla de incentivos dos profesionais fai que os servizos queden sen cubrir, afectando unha vez máis especialmente aos hospitais comarcais coma aos centros de saúde”.
Alerta de que “pouco a pouco o Hospital Comarcal perde capacidade resolutiva e recursos para ofrecerlle á propia cidadanía o dereito a unha sanidade pública e próxima que garanta a igualdade de oportunidades, con independencia do seu lugar de residencia”. Engade que “a administración competente ten que evitar a perda progresiva de recursos técnicos asistenciais nun hospital que xa perdeu capacidade e facultativos como consecuencia da xestión errónea e lesiva da Xunta”.