A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, reclamou hoxe a dimisión das e dos responsables implicados pola creación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia á medida dunha familiar da secretaria xeral de Igualdade. Pierres presentou unha pregunta oral polo proceso que vén de ser condenado polo Tribunal Superior de Galicia, sinalando á “torcida actuación” do goberno galego.
A responsable socialista sinalou que a condena deixa ao goberno galego “empañado de enchufismo e amiguismo” e a Presidencia “anegada de responsabilidades políticas”. Apelou á nova conselleira de Educación, Universidade e FP de aproveitar a “oportunidade” de “liberar de peso a mochila” que “lle toca carrexar” por estas irregularidades das que ten que responder a pesares de que “estaban dirixidas ao conselleiro de Presidencia, que declina e lle pasa o marrón a vostede”.
Sinalou que “sentenzas como esta poden e deben ser evitadas” polo goberno galego garantindo procesos concursais “limpos e transparentes”, garantindo a igualdade de oportunidades e defendendo a creación de prazas públicas “para atender ás necesidades sociais, e non aos intereses de amigos e familiares”.
Criticou este caso de “nepotismo familiar” relacionado coa secretaria xeral de Igualdade, que forma parte de toda unha tradición de uso irregular da función pública, en sintonía cos casos de “trato de favor” na concesión de subvencións a concellos, ou de “falla de transparencia” nos procesos de concesión de postos de traballo, obras ou contratacións do goberno galego.
Explicou que o caso debatido hoxe ten sido demostrado como ilegal, e que ven de culminar coa sentenza do TSXG logo de que o goberno galego fixera caso omiso das denuncias e mesmo das advertencias da Valedora do Pobo. Apelou a moitos outros casos que “non son legais, e mesmo algunhas actuacións que, sendo legais, distan moito de ser éticas”.