A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, presentou unha proposición non de Lei en Comisión parlamentaria para reclamarlle á Xunta a regularización da profesión da Educación Social en Galicia a través dunha Lei autonómica, que foi vetada polo PP.
A responsable socialista presentou esta proposta como “primeiro paso para a regularización real da profesión da Educación Social tanto a través dunha Lei galega como de outra a nivel estatal”. Reivindicou este “instrumento que visibilice, dignifique e reivindique o seu papel como axente de cambio na nosa sociedade”.
Advertiu que a falla de regularización desta profesión “fai que non estean claros os límites e o alcance da mesma, producíndose intrusismo profesional e descoñecemento á hora de afrontar procesos públicos de selección desta figura profesional, así como das funcións asignadas a ela”.
Explicou que a profesión adquiriu rango universitario en 1991, logo dunha ampla mobilización social reivindicativa do papel relevante deste perfil profesional que combina a educadores especializados, animadores socioculturais e educadores de persoas adultas.
O seu traballo, explicou, resulta “imprescindible” para abordar con eficacia “problemas de convivencia, o xurdimento de novas modalidades de exclusión e marxinación social e a necesidade de construír un mundo no que compartir bens de forma máis equitativa”.
Emenda
Blanco acusou ao PP e ao goberno galego de tratar de “despexar as responsabilidades” a través dunha emenda “inasumible” dirixida a “poñerlles deberes á Fegamp e aos concellos. Sinalou que “aínda que recoñezan a importancia destes profesionais, só intentan amosar declaracións de intencións carentes de medidas concretas e de orzamentos”.