Categorías: Actualidade

O PP aproba a Lei de Acompañamento aos Orzamentos que modifica 20 leis sen debate parlamentario

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, dixo hoxe que a Lei de Acompañamento aos Orzamentos, aprobada co voto en contra do PSdeG, demostra a “desidia e improvisación” da Xunta de Galicia. Criticou que o goberno galego teña recorrido a este mecanismo, que debera ser excepcional, para modificar 20 leis, 12 delas presentadas polo propio Feijóo.

Criticou un xeito “prepotente” de lexislar, co que “desprezan ao Parlamento e a labor da oposición” utilizando este mecanismo para burlar os informes previos ás leis, vulnera o principio de transparencia e participación e imposibilita acadar acordos parlamentarios. Lembra que entre 2010 e 2017, Feijóo modificou un total de 396 cuestións normativas de 70 leis diferentes, excluíndo as fiscais, a través deste mecanismo.

Advertiu que esta Lei de Acompañamento “nada ten que ver cos ingresos ou gastos dos Orzamentos”, inclúe preceptos inconexos e é “desaconsellada de maneira maioritaria” pola doutrina lexislativa, provocando unha “merma na calidade política e xurídica”. Lembrou que Feijóo xa utilizou este trámite en 6 ocasións en 8 anos, polas 7 de Fraga en 15 anos e ningunha de Emilio Pérez Touriño.

Sinalou ademais que o propio PP está a “recoñecer a culpa deste Goberno pola súa desidia” cando a Lei de Acompañamento, que de por si emenda 20 leis, recibe un total de 48 emendas do grupo que sustenta ao goberno. Esta situación supón o recoñecemento de que “a Xunta non está preparada para atender a Galicia fronte a casos como a vaga de lumes”, e as súas políticas resultan “ineficaces ou inexistentes”.

A Lei foi aprobada finalmente incorporando unha emenda presentada polo grupo socialista e outras 10 transaccionadas co PP “porque somos un grupo responsable para o que o mais importante é lograr que as leis aprobadas por este Parlamento poidan ser melloradas substancialmente coas nosas aportacións”.

Incendios forestais

Rodríguez Rumbo presentou as 67 emendas presentadas polos socialistas galegos a esta Lei, fundamentalmente á reforma das leis de Montes Veciñais, de Mobilidade de Terras, de Incendios e de Montes, que provoca o goberno galego a través deste mecanismo. Explicou que as propostas socialistas buscan mellorar a prevención de incendios, os usos do suelo e o mundo rural, fundamentalmente.

Os socialistas propuxeron unha nova clasificación de escalas para o persoal dedicado a labores contra os incendios forestais, e reclamoulle á Xunta que modifique para isto a Lei de Emprego Público a través da negociación colectiva. Rodríguez Rumbo anunciou que “aceptamos a transacción destas emendas para mellorar a estrutura e os requisitos das xefaturas das Brigadas Forestais e as categorías de motobomba e de bombeiro forestal”.

Explicou que esta transacción “facilitará o ascenso laboral de preo de 1.500 traballadores das Brigadas Forestais”, e anunciou que “seguiremos traballando e presentando iniciativas que procuren a mellora do emprego público galego, que redundará na mellora dos servizos públicos galegos”.

Reclamou ademais recuperar as franxas de protección dos núcleos habitados que establecera o goberno do socialista Pérez Touriño e que fora rebaixada por Feijóo. Propoñen ampliar de 50 a 100 metros a protección das vivendas, e de 30 a 50 metros para as especies sinaladas. Ademais, propoñen crear unha nova Axencia para a Protección do Monte de Galicia que coordine as actuacións de defensa dos montes.

Ademais urxen a rebaixar de 2 a 1 ano o prazo para a entrada en vigor de sancións por incumprimentos nas redes de franxas de protección contra incendios. Reclaman deducións no IRPF dos investimentos para paliar os danos dos incendios, a supresión da letra pequena no decreto de axudas do goberno galego, que as condiciona á existencia de intencionalidade.

Pladiga

Rodríguez Rumbo solicitoulle ao goberno galego que presente o Pladiga na Cámara autonómica para abrilo ás aportacións dos grupos parlamentarios, e establece o primeiro trimestre de 2018 como límite para que a Xunta presente a previsións e calendario do Plan Forestal de Galicia. Tamén introducen cambios para mellorar a xestión dos montes de man común, entre outras cousas o papel do Banco de Terras.

Os socialistas galegos inclúen ademais adiantar ao mes de maio o límite na xestión da biomasa e da limpeza dos montes, e reclaman convenios de colaboración coas administracións locais que establezan o “apoio técnico e económico da Xunta”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41