A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para instar á Xunta de Galicia a que inicie de inmediato as xestións oportunas para que Abanca manteña a súa sucursal no concello de Campolameiro.
A deputada advirte de que a entidade financeira anunciou recentemente que pechará o vindeiro 8 de setembro a única oficina que ten nese municipio, no marco dun proceso de exclusión financeira como consecuencia da reestruturación bancaria e que está a ameazar a presenza de oficinas en moitos concellos galegos.
O peche da sucursal, sinala, “afectará sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalaría e comercio”. A maiores, a veciñanza “deberá desprazarse a sucursais doutros municipios como Moraña (a 8 quilómetros) ou Cerdedo-Cotobade (a 13) para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precise”.
Deste xeito, Paloma Castro alerta de que este peche “vai repercutir moi negativamente na calidade de vida de toda a poboación”. Fai especial fincapé “na de máis idade, á que lle é imposible acceder ás novas utilidades tecnolóxicas coas que se pretende substituír o trato persoal cos empregados da sucursal”.
Neste contexto, a deputada socialista incide en que o proceso acelerado de dixitalización das entidades financeiras de Galicia “ignora a fenda existente neste eido para moitos colectivos, sinaladamente xente maior que vive nos concellos rurais”.
Castro recalca asemade que “esta realidade complexa esixe a inmediata intervención das administracións públicas” e apunta que “a atención ás comarcas rurais e a loita contra o seu despoboamento pasa polo mantemento e consolidación dos servizos básicos”. “Os poderes públicos non poden permanecer alleos a procesos que están a supor un cada vez maior esmorecemento do rural”, sentencia.
A deputada tamén recorda que a corporación municipal de Campolameiro xa se amosou en contra desta medida. De feito, o pasado 16 de agosto aprobouse por unanimidade unha condena ao peche, así como un decálogo de 11 iniciativas e medidas a levar a cabo en caso de que se confirme a clausura.