Categorías: Actualidade

Pablo Arangüena anuncia que a próxima sesión de control do Parlamento estará centrada na reforma do EA para incorporar un catálogo de dereitos da cidadanía

O voceiro do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, empregará a sesión de control do vindeiro Pleno do Parlamento para preguntarlle a Feijoo sobre a súa disposición a reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia “unha vez se supere a pandemia”. O obxectivo, tal e como explicou o vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, é “melloralo e incorporar un catálogo de dereitos que deberían ser blindados e garantidos á cidadanía tomando como base as singularidades de Galicia, que son moitas”.

Na súa comparecencia ante os medios logo da Xunta de Portavoces que se reuniu hoxe, Pablo Arangüena lembrou que “Galicia non asumiu nin unha soa competencia dende que Feijoo chegou ao poder” e que ademais “o Estatuto de Autonomía leva 40 anos sen cambiar unha coma”. Isto supón, en palabras de Arangüena, que o Estatuto está “fosilizado”, xa que a realidade social de Galicia “non é a mesma que no ano 81”.

Tras incidir en que esta circunstancia “constitúe unha auténtica anomalía en España”, o vicevoceiro parlamentario do PSdeG alertou de que tamén “estamos renunciando de feito ao noso autogoberno porque nos últimos tres anos a Xunta esqueceu que ten moitas competencias que son principalmente súas, como a política industrial, e decidiu abdicar delas para pasarlle a pelota ao Estado”.

Neste aspecto, Arangüena recordou que o Estado “pode axudar, pero no sistema de distribución do poder do noso país o seu papel é subsidiario respecto do que debería estar facendo Galicia e non fai”.

PLAN DE CHOQUE CONTRA A POBREZA EN GALICIA

Pablo Arangüena tamén explicou que o Grupo Socialista levará ao vindeiro Pleno do parlamento dúas mocións.

Unha delas versará sobre a política da Xunta para combater as pobreza, que debería incluír un plan de choque “dotado con recursos suficientes”. Neste senso, Pablo Arangüena recordou que Galicia “ten máis fondos que nunca polas achegas extraordinarias da UE e do goberno central”, pero advertiu que eses fondos “non están chegando á cidadanía que máis os necesita”.

Así, lembrou que a pobreza medrou moito en Galicia, tanto na gran recesión como nesta crise. Por iso, a Xunta “debería facer algo máis que baixarlle os impostos aos máis ricos, algo que parece que “lle preocupa moito máis” que a pobreza severa de 320.000 galegos e galegas.

“Hoxe hai”, proseguiu Pablo Arangüena, “un 22 por cento de cidadáns en situación de pobreza e máis de un de cada dez galegos están en situación de pobreza extrema, cifra que se sitúa por enriba da media española”. Neste escenario, o vicevoceiro socialista instou á Xunta a “preocuparse menos de inventar culpables dos males de Galicia e poñerse a combater a pobreza e a exclusión social con todas as súas capacidades e recursos, que son moitos”.

A outra moción será sobre a política da Xunta en materia de tratamento e xestión de residuos sólidos urbanos. Ao fío disto, Pablo Arangüena recordou que o goberno galego opta pola incineración, “algo que entra en contradición directa coas políticas da Unión Europea”. Nesta liña, subliñou que a UE marcou como obxectivo un 50 por cento de reciclaxe para o 2020 e que “Galicia non chegaba o ano pasado ao 15 por cento”. Ao mesmo tempo remarcou que “a incineración é xusto o contrario da economía circular da que tanto fala o goberno galego”.

APOIO AO SECTOR DA CARNE DE VACÚN E AO COMERCIO

Por outra banda, o Grupo Socialista realizará unha interpelación sobre a política do goberno galego en relación coa carne de vacún. Ademais de “fixar poboación no rural”, trátase “dun sector moi importante en Galicia, que dá emprego a decenas de milleiros de persoas”.

Porén, Pablo Arangüena advertiu que “neste momento a súa supervivencia está directamente ameazada polo aumento dos custes de produción, que lle obrigan a vender con perdas”.

Pablo Arangüena explicou tamén que o PSdeG levará ao vindeiro Pleno unha proposición non de lei sobre as medidas a adoptar pola Xunta no sector do comercio, “cando a Xunta ten o orzamento máis expansivo grazas aos fondos procedentes do estado e da UE”. Con todo, o vicevoceiro parlamentario sinalou que as perdas deste sector dende o inicio da pandemia foron, en promedio, de entre o 20 e o 40 por cento, “o que está a provocar o peche de moitos negocios e comercios ao longo de todo o territorio”.

ABOLICIÓN DA PROSTITUCIÓN

O PSdeG tamén defenderá unha proposición non de lei sobre as medidas que debe adoptar a Xunta para evitar calquera tipo de violencia machista. Nesta liña, tamén se reclamará o compromiso das políticas públicas galegas coa abolición da prostitución.

Finalmente o Grupo Socialista tamén formulará tres preguntas ao goberno galego. Unha delas, sobre a sentenza que condena ao SERGAS pola denegación de asistencia sanitaria a unha persoa transexual. Outra sobre a planta de residuos que está previsto instalar no concello lucense de Riotorto e unha urxente sobre o problema de sobrecarga nos xulgados de violencia de xénero de Galicia.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08