A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Noela Blanco, acusou hoxe ao presidente da CRTVG de converter os informativos do ente “na retransmisión en streaming dun mitin do PP”. Blanco presentou unha pregunta oral en Comisión na que esixiu “pluralismo político e obxectividade” na información do ente coincidindo co “venres negro” número 45 de protestas dos traballadores pola manipulación informativa.
A parlamentaria socialista denunciou a “dobre vara de medir” nos informativos dirixida “sempre a minimizar a presenza dos socialistas e do goberno de España, subliñando noticias negativas e virtuais discrepancias e suprimindo as informacións positivas”. Noela Blanco denunciou o contraste desta liña coa “información puramente galega, na que poñen a Feijóo ou aos seus conselleiros e aos dirixentes do PPdeG compartindo peza e con todo luxo de detalles”.
A responsable socialista reivindicou uns medios públicos galegos “rexidos baixo os criterios do pluralismo político e da obxectividade, libres de manipulación informativa e da represión cara aos profesionais que a denuncian”.
Land Rober
A responsable socialista criticou que teñan convertido á CRTVG nunha “sorte de canle de televisión koreana, con empacho do amado líder”, en alusión á omnipresenza de Feijóo, agora tamén no programa satírico de máis audiencia, Land Rober. Acusou ao goberno galego de facer un “descarado uso partidista” do programa, con chamada en directo incluída de Feijóo “para felicitar ao actor Luis Zahera… e de paso criticar ao alcalde de Vigo”.
Esta produtiva colaboración partiu, lembra, das eleccións autonómicas de 2016, cando Feijóo ocupou a metade da duración dun programa de dúas horas, un tempo no que “foi entrevistado cal estrela de rock, con trono incluído onde sentar”.
Criticou ademais o “ton machista” do programa, cun humor que reiteradamente “descualifica e cosifica á muller”, e advertiu que “o sentido do humor non debe confundirse co machismo máis rancio” porque “non queremos unha televisión pública de mamachichos”. Sinalou ao anuncio do programa na web da Corporación, coa lenda “a muller namorouse e quere un divorcio express, pero Arturo quere unha das tetas” ou dicindo que “é mellor ver Land Rober que pegarlle a unha vella”.