Categorías: Actualidade

O uso electoral por parte da Xunta do anuncio de peche de As Pontes “causa un grave dano aos intereses de todos”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao goberno galego de “explotar electoralmente” o anuncio de Endesa de adiantar o peche da central térmica de As Pontes, provocando un “grave dano aos intereses de todos”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar a implicación do goberno galego para buscar alternativas para a industrialización da comarca e solucións compensatorias para unha transición xusta.

O Pleno do Parlamento aprobou parcialmente a proposta, nomeadamente o apartado no que lle reclama á Xunta a constitución dunha mesa de traballo para un programa de actuacións en relación coa central térmica. Este deberá contemplar o mantemento da produción de enerxía dentro do marco da descarbonización durante o máximo posible, así como negociar coa empresa a posta en marcha de alternativas para a produción de enerxía procedente de fontes alternativas.

Fernández Leiceaga lamentou que o PP evitara comprometer á Xunta de Galicia ao vetar os apartados da proposta encamiñados, entre outras cousas, a promover un Plan de Transición Industrial de Galicia, cando os socialistas si que apoiaron outras dúas iniciativas presentadas hoxe polo PP e o Grupo Mixto con relación á situación da central térmica.

O portavoz socialista sinalou que “o carbón non é o futuro” e advertiu que cando a Xunta “orienta as solucións por estar vía están dificultando unha resposta real, sólida, posible e pragmática á cuestión para obter rédito político e evitar exercer as súas responsabilidades”. Esixiulle ao goberno galego que “abandonen as estratexias partidistas e súmense a unha estratexia social e política de ampla base, que procure futuro para As Pontes máis alá do carbón importado”.

O responsable socialista instou á Xunta a liderar o impulso de alternativas para a industrialización da comarca seguindo o camiño marcado por outras rexións como Andorra ou Teruel, afrontando a descarbonización “como unha oportunidade” e cambiando as estratexias electorais a favor da procura de consenso. Reclamou ademais solucións compensatorias para traballadores, empresas auxiliares ou transportistas para “non deixar a ninguén atrás” nunha “transición xusta”.

Censurou que o goberno galego non teña presentado “nin recursos nin ideas” para apoiar aos afectados polo anuncio de peche, e afeoulle ao presidente da Xunta que “vaia a As Pontes, reúnase co alcalde e co presidente de Endesa para saír a criticar ao Ministerio pero non di cal vai ser o seu plan de acción”.

Criticou que o “único empeño” do PP e do goberno galego sexa “adxudicarlle a responsabilidade ao Ministerio”, nunha deriva que “non ten moito sentido” cando o peche é decidido pola empresa e cando o goberno, engadiu, “ten que ser un aliado” para atopar unha saída e conseguir “chegar ata 2030” coa central térmica funcionando “con cada vez menos carbón”.

Sinalou que “precisamos á Xunta de Galicia pero non para facerse fotos, senón para dotar con recursos unha política de compensación, creando un fondo complementario a outras administracións, impulsando unha política de fomento industrial e de activación do emprendemento e organizando alternativas” ao carbón.

Fernández Leiceaga sinalou que “as empresas xa están no mundo pos carbón” mentres “algúns políticos queren aínda que quedemos nel, o que significa quedarse atrás”. Instou á Xunta a negociar coa empresa o mantemento da actividade na central “durante o máximo posible dentro dos marcos da descarbonización pactada na UE”, para obter tempo para poñer en marcha alternativas para a produción de enerxía a partir de fontes diferentes ao carbón.

Responsabilidade

Sinalou que o goberno galego está a “diagnosticar mal o problema, situando a responsabilidade onde non está e orientando as accións nunha dirección equivocada” de cara a un “calexón sen saída”. Explicou así en primeiro lugar que a empresa ten autorización para continuar coa actividade, pero decidiu anticipar o peche “contra os plans do Ministerio”, de xeito “abrupto e súbito” e despois de ter investido 200 millóns en reducir emisións.

Fernández Leiceaga puntualizou que “o problema non é froito dunha decisión do goberno de España”, e lembrou que Iberdrola pechou as súas centrais en 2017, co goberno Rajoy, que pactou tamén con Naturgy o peche que fixo efectivo co goberno Sánchez.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a

Impulsar conxuntamente con sindicatos e outros axentes sociais, económicos e institucionais, unha mesa de traballo, en colaboración co Goberno de España, para un programa de actuacións en relación coa central térmica de As Pontes, que contemple:

a) A negociación coa empresa para o mantemento durante o máximo tempo posible da produción de enerxía na central, dentro dos marcos da descarbonización pactada na UE.

b) A negociación coa empresa para que poña en marcha, logo das análises pertinentes, alternativas para a produción de enerxía na central a partir de fontes diferentes ao carbón (biomasa, lodos de depuradora, residuos agrarios,…)”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08