O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, responsabilizou hoxe á Consellería de Sanidade de ter “xudicializados” os concursos de transporte sanitario. No debate dunha pregunta oral en Comisión, sinalou ao “desleixo” e “soberbia” do departamento da Xunta diante dunha situación “gravísima” que provoca inseguridade xurídica no sector e xera serias dúbidas sobre a atención sanitaria.
Torrado sinalou á “situación global confusa” logo do proceso xudicial aberto diante dunha presunta prevaricación na concesión de ambulancias, por importe de 121,6 millóns de euros, que foi adxudicado a unha empresa que coñecía das características específicas antes de abrir o procedemento. Sinalou tamén á denuncia por exceso de peso nas ambulancias e as súas consecuencias sobre a seguridade, actualmente no xulgado.
Apuntou finalmente á anulación da adxudicación dos helicópteros do 061 por parte do Tribunal Administrativo de Contratación logo de detectar posibles irregularidades. Torrado criticou que a resposta do goberno galego teña sido “inacción”, optando pola “vía de pasar de todo e deixar ver que lles da igual, coma se non fora con vostedes”.
Rexeitou a “soberbia da Consellería” que “estalles pasando factura” ata o punto de que teñan que “acertar cando rectifican, a costa de converterse en especialistas en rectificar pola forza”, e reclamou que “fagan mellor as cousas de entrada e escollan o diálogo, falen con alguén”.
Inseguridade laboral
Julio Torrado puntualizou a incertidume e inseguridade que lle provoca esta situación tamén aos traballadores sanitarios, expostos aos “bailes” de empresas e Xunta, co “abandono e mercadeo” de concesións. Actualmente, sinalou, a inaplicación do convenio laboral “está parada pero non retirada”, deixan do unha “espada de Damocles sobre os traballadores”.
Advertiu da implicación desta difícil situación de cara ao inverno e a campaña da gripe, que “cada ano é unha época difícil, para a que necesitamos dispor de tódolos recursos dispoñibles antes de que xurdan os problemas”.