Categorías: Actualidade

O PSdeG preguntaralle a Feijóo pola inxerencia política nos informativos da CRTVG

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, centrará a sesión de control ao presidente da Xunta da próxima semana na situación que está a atravesar a CRTVG. Logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, explicou que os socialistas reclamarán de novo o cumprimento da Lei de 2011 e levarán ao presidente da Xunta a situación de persecución de profesionais do ente.

O responsable socialista alertou da situación da CRTVG, coas protestas que teñen cristalizado nos “venres negros” protagonizados pola plantilla e que derivaron na apertura dun expediente a unha presentadora logo de sinalar o uso partidista do medio. Este foi o contexto tamén dunha manifestación a comezos de setembro contra da inxerencia do PP e do goberno galego nos informativos da cadea.

Fernández Leiceaga dixo que “non cremos que –Feijóo- poida estar tranquilo mentres existen profesionais perseguidos na CRTVG”. Puntualizou que a “falla de resposta da Xunta merece unha acción política por parte do PSdeG” na “defensa da calidade e a liberdade nos medios públicos e a favor da neutralidade informativa” e urxiu á constitución do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional como determina a Lei.

Os socialistas centraranse principalmente na defensa dos servizos públicos, a través en primeiro lugar dunha proposición de Lei para a reforma da Lei de Garantías Sanitarias dirixida a garantir a actuación da Xunta para resolver carencias onde se detecten e frear a derivación aos centros privados concertados. Tamén presentarán unha pregunta sobre o “avance insuficiente” na implantación da Hemodinámica 24 horas, esta vez en Ourense.

O ensino público será un dos eixos das propostas que presentarán os socialistas galegos no Pleno da próxima semana, a través dunha interpelación sobre o inicio do curso e a redución da oferta educativa en determinados concellos. O parlamentario socialista sinalou a situación do Instituto de Brión como exemplo das localidades periurbanas sometidas a maior presión demográfica nas que a Xunta impide o reforzo dos recursos.

“Non pode ser igualar por debaixo, obrigando a determinados centros a renunciar a profesores de reforzo ou suprimir asignaturas optativas”, resumiu o portavoz socialista, que reclamou que como mínimo se manteña a calidade educativa e comprometeuse a exercer “presión para acadar unha resposta positiva do goberno nestes casos”.

Finalmente, o Grupo Socialista presentará unha proposición non de Lei dirixida a recuperar a gratuidade nos desprazamentos programados para persoas en situación de dependencia, que hoxe teñen que asumir as costas dos seus desprazamentos diarios. O Pleno incluirá ademais unha proposición non de Lei para reclamar a limpeza urxente dos fondos do Río Umia e do encoro de A Baxe, diante da “situación preocupante” da conca.

Finalmente, o Pleno rematará con dúas preguntas orais nas que os socialistas galegos poñerán de manifesto a “forma de actuar” do goberno galego, evidenciando que “non dixo a verdade” cando anunciou a súa candidatura para o Laboratorio Europeo de Bivalvos.

Tamén intentou agochar a Xunta que rompera co protocolo asinado co goberno para aproveitar as instalacións do Vello Xeral de Lugo para fins distintos dos sanitarios. Fernández Leiceaga apuntou que este protocolo, asinado en setembro de 2017, foi roto polo goberno galego en maio, coincidindo co debate da moción de censura, evidenciando a súa “utilización partidista das institucións”.

Comisión de Investigación

O portavoz do Grupo Socialista aludiu tamén ao prazo aberto para propoñer integrantes da Comisión de Investigación dos recortes na sanidade pública, que rematará o próximo luns permitindo a súa constitución inmediata. Fernández Leiceaga anunciou unha proposta de axenda de traballo “ampla e esixente” por parte dos socialistas galegos e reiterou a advertencia fronte a calquera tentación de bloqueo da mesma polo PP.

Fernández Leiceaga mantivo a súa reserva sen embargo fronte á Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño, que relacionou coa proximidade dos comicios locais e da holgada situación electoral do alcalde de Vigo.

Lembrou que o Parlamento carece de competencias no sinistro, e comparou a situación co accidente de Paramos, en Tui, onde si que houbo falecidos e cuantiosos danos materiais sen que os grupos solicitaran ningunha investigación na Cámara Autonómica.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08