Paloma Castro pide ao goberno galego “que non trampee coma noutras ocasións”, xa que “centos de empresas se saltan a normativa coa conivencia da Xunta”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes socialistas de Forcarei, Verónica Pichel, e Pontecaldelas, Andrés Díaz; así como cos portavoces socialistas de Cercedo-Cotobade, Lina Garrido, e da Lama, Enrique Vaqueiro, para esixir á Xunta as máximas garantías medioambientais pola mina de litio Alberta I tanto no Parlamento coma desde os concellos afectados.
A responsable socialista pediu á Xunta que “non trampee coma noutras ocasións”, xa que “sabemos que centos de empresas se saltan a normativa coa conivencia da Xunta de Galicia”. Así, alertou “dos riscos da formación de auga aceda ou dun afundimento pola proximidade das zonas habitadas, tal e como advertiu xa en 2014 un informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España”.
Castro, que destacou a “fonte de riqueza” que pode supor para os concellos da zona a extracción mineira, remarcou a importancia de que o proxecto se someta ao proceso de avaliación de impacto ambiental porque o contrario “entrañaría un grave perigo para a contorna da mina”. Así, destacou que é preciso “defender aos veciños e veciñas, e tamén ao noso medio ambiente” ante os riscos de que a mina non cumpra con todas as prescricións medioambientais esixidas pola lei.
Neste senso, a responsable socialista lamentou que “está constatado que certos proxectos mineiros, moito tempo despois de pechar a súa actividade, manteñen o seu impacto de xeito permanente na paisaxe ou na contaminación que xeran”, por iso “é imprescindible que a Xunta demostre que cumpre con todas as garantías”.