Arangüena lamenta que “un mes despois de que se producise o vertido” no Eume, o río continúe no mesmo estado, “da cor da leite”
O responsable socialista critica que a Xunta converteu a Lei de protección da paisaxe de Galicia “nun contedor xurídico baleiro”
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, presentou hoxe unha pregunta na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento sobre a xestión do Goberno galego do vertido do Eume, que “continúa da cor da leite un mes despois de que se producise o vertido”. Arangüena sinalou que esta situación “demostra o fraude nas políticas da Xunta en materia medioambiental”.
O responsable socialista esixiu ao goberno galego que explique “as causas” que provocaron “a contaminación do río Eume” e urxiu a detallar se “hai algún expediente sancionador en marcha por causa de dita contaminación”, así como “os plans” que ten a Xunta “para garantir a restauración ambiental do encoro e da súa contorna”.
Arangüena incidiu en que a situación de turbidez “non é un proceso natural de deriva de sendimentos”, tal e como “tratou de normalizar” a directora de Augas de Galicia, na sesión da comisión segunda do Parlamento celebrada o 22 de outubro. “Se non teñen vostedes unha idea clara de que pasou no Eume, xa me dirán que medidas van tomar para evitar que dita situación se volva reproducir”, aseverou.
O socialista denunciou que o goberno galego “tardou 15 días en crear unha comisión” para investigar a situación e “tomar medidas”, o cal “non parece unha resposta moi rápida”, xa que se trata “dun espazo protexido”. Ademais, lamentou que a conselleira de Infraestruturas tamén “tardase 8 días en tomarse a molestia de ir por alí a facerse a foto”.
Por último, Arangüena laiouse de que as Fragas do Eume, “23 anos despois de ser declaradas parque natural” estean “nunha mala situación”, xa que “sufriron agresións”, como “a continuada eucaptalización ou os incendios de 2012”. Así, asegurou que o parque natural “é un exemplo paradigmático da política medioambiental da Xunta: pinta nun papel espazos protexidos que non protexe”.
REGULAMENTO DA LEI DE PROTECCIÓN DA PAISAXE DE GALICIA
Arangüena presentou ademais unha pregunta oral na que denunciou que “o PP converteu a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia nun contedor xurídico baleiro”. Lamentou que o goberno galego “tardase 12 anos” en desenvolver o regulamento dunha Lei cuxa aprobación fora “pioneira” por parte do goberno de Emilio Pérez Touriño no ano 2008 e destacou que, agora, esta “se remite a outros instrumentos que a este ritmo non chegarán a desenvolverse nas nosas vidas”.
O portavoz socialista incidiu en que o texto esquece “accións e medidas” para “a corrección paisaxística de lugares degradados”, “a proliferación do eucalipto” ou “o problema dos incendios forestais”. Ademais, lamentou que o goberno galego rexeitase a creación dun “necesario” Observatorio Galego da Paisaxe.
Por último, o responsable socialista recordou que a paisaxe “constitúe un elemento fundamental da identidade colectiva e da calidade de vida das persoas”, por iso, entende, é preciso “primar o uso racional do territorio, aproveitar a sustentabilidade dos recursos”, así como “un desenvolvemento urbanístico respectuoso”.