O Grupo Popular votou en contra este xoves dunha proposta defendida pola vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, na que reclamaba á Xunta habilitar unha sala de espera “en condicións” no edificio onde se aloxa o Centro de Saúde de Carballedo (Cercedo – Cotobade). A responsable socialista defendeu en comisión parlamentaria a necesidade de “solucionar un problema que se repite en moitos centros de atención primaria e se agudizan especialmente no rural”
Castro levou ao parlamento varias iniciativas para tratar de arranxar unhas deficiencias que fan que as usuarias e usuarios se vexan obrigados a esperar na rúa para ser atendidos como acontece neste centro de saúde de Carballedo. A deputada denunciou que “á vista dos recortes a covid está sendo unha escusa máis para seguir desmantelando a sanidade pública”.
Para Castro, situacións coma a de Carballedo, “son insostibles, denigrantes e atentan contra os dereitos dos pacientes” que na maioría dos casos, “son persoas maiores con padecementos”, lembrou. A falta de espazo neste centro “é un problema que vén de atrás” pero agora, puntualiza, coa necesidade de implementar medidas de distanciamento social pola crise da Covid “amósanse moito máis as deficiencias ata o punto, de afectar aos dereitos dos e das pacientes”, sinalou.
A parlamentaria socialista advertiu que “a imaxe é lamentable e inxustificable”, por canto “as usuarias e usuarios non teñen nin espazo para se sentar e ata levan cadeiras da casa para poder aguantar a espera”. Para a deputada do PSdeG o problema “só pode ir a peor se a Xunta non se digna a arranxalo”, porque coa chegada do mal tempo “aguantar no exterior nestas condicións sería xa insoportable”.
Deficiencias estruturais
Neste contexto, Paloma Castro denunciou que “esta lamentable situación” deriva da decisión do goberno popular “co alcalde Jorge Cubela á cabeza” de instalar o centro de saúde no edificio do multiusos do concello hai case dez anos, e a apertura do mesmo no 2015. As protestas veciñais protagonizadas polos veciños daquela “víronse acertadas co tempo”, subliñou Castro ao tempo que lembrou outros os problemas derivados desta decisión como “a ausencia de aparcadoiro, de praza de ambulancia ou a desaparición do servizo de pediatría”.