A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo socialista para reclamarlle á Xunta que consensúe un plan de emprego e garanta a execución dos recursos para inserción laboral. Rodríguez Rumbo presentou esta iniciativa en Comisión, onde alertou da falla de iniciativa do Goberno galego para complementar as medidas do Estado.
Rodriguez Rumbo reclamou “unha saída da crise o menos desigual posible para que ninguén quede atrás, ao contrario do que sucedeu en 2008”. Reclamou así un plan de emprego dialogado con sindicatos, concellos, deputacións e asociacións empresariais para garantir a inserción laboral, a adaptación de formación para desempregados, ou apoio para asalariados en ERTE ou acollidas ás axudas do Estado.
A responsable socialista pedía “medidas concretas e medibles co fin de poder dotalo financeiramente no orzamento 2021”, e reclamou ademais “as medidas necesarias para executar a totalidade dos recursos destinados a favorecer a inserción laboral de calidade na nosa Comunidade Autónoma en 2020”. Explicou que na pasada Lexislatura o goberno galego deixou sen executar 447,5 millóns de euros destinados á promoción do emprego.
Explicou que “estamos máis que preocupados” polos datos de execución orzamentaria do goberno galego, que “pintan números sobre o papel pero despois non os executan”. En concreto, deixaron sen executar 135,5 millóns de euros de Fomento da empregabilidade, 205,7 millóns de formación profesional para persoas desempregadas, e outros 106,2 millóns para promoción do emprego, do emprego autónomo e do mercado de traballo.
Rodríguez Rumbo advertiu que as políticas de austeridade do goberno galego provocaron que en 11 anos a poboación galega se reducira en case 96.000 persoas, perdendo case 243.000 persoas de entre 20 e 39 anos, unha etapa na que o número de ocupados caeu en 46.200, e hai 12.700 fogares con tódolos membros en paro.
A situación previa á pandemia, sinalou, era “máis que preocupante, con precariedade e un incremento alarmante da fenda xeracional”, se ben coa chegada da Covid a caída interanual do PIB pasou do 3,6 por cento no primeiro trimestre ao 17,9 pro cento no segundo, de acordo co III Informe de Conxuntura Socioeconómica 2020 do Foro Económico de Galicia.