O coordinador da Interparlamentaria do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Pablo Arangüena, compareceron hoxe para reclamarlle ao PP que cambie o seu voto en contra da emenda á Lei de Cambio Climático que “elimina toda sombra de dúbida” sobre o artigo 18.3. A emenda foi votada esta semana no Senado, co voto en contra do PP, e pasará a continuación ao Congreso para o voto final.
Fernández Leiceaga explicou que o novo texto cambia a expresión “actos ditados” por “actos que se diten”, seguindo a liña suxerida polo Consello de Estado e eliminando calquera tipo de dúbida sobre a súa irretroactividade sobre as concesións de actividade na costa. Apuntou que o goberno galego “debera estar moito máis tranquilo” logo da campaña de presión contra este artigo, que agora “carece de sentido”.
O senador socialista amosou a súa sorpresa por que logo de ter ameazado cun recurso de inconstitucionalidade para acadar esta modificación, o propio PP votara en contra desta modificación. Explicou que “teñen a opción de rectificar e votar a favor” no debate que se producirá a continuación no Congreso para ratificar esta emenda.
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, sinalou que “se o PP dicía que o problema da Lei era a retroactividade, e a emenda despexa calquera dúbida sobre a mesma, é incomprensible que teña votado en contra”.
Arangüena resumiu que “o problema non é un artigo nin 3 palabras na Lei de Cambio Climático, senón a irresponsabilidade do goberno galego, que xoga coas cousas de comer para obter rédito político”. Alertou de que a súa “estratexia de confrontación” a calquera prezo pon en risco a todo un sector xerando unha “profecía autocumprida”, xa que “desincentiva ao investimento e provoca que o capital fuxa”.
Arangüena criticou que PP e Xunta leven “un ano de campaña de desinformación e intoxicación cínica e irresponsable” para sementar a “desconfianza e dúbida” no sector. Puxo como exemplo desta espiral que mentres Feijóo alertaba, sen ningún tipo de base, de 100 empresas e 3.000 traballos en risco, a súa portavoz de Medio Ambiente “multiplicara as falsidades por 100” falando en marzo de “milleiros de empresas e ducias de milleiros de postos de traballo”.
Explicaron que a norma nunca foi retroactiva, xa que aquel artigo estaba supeditado ás “previsións ditadas na Lei”, pero esta emenda incorporada “disipa toda dúbida” e ratifica o apoio e a receptividade do goberno de España a un sector “crucial” para Galicia. Criticou que o goberno galego “non quere construír senón confrontar”, como demostra co voto en contra ás propostas socialistas en apoio ao sector.
Ferrol
En resposta a preguntas dos xornalistas, o viceportavoz parlamentario, Pablo Arangüena, replicou á proposta de pacto de Estado a favor de Ferrol lembrando que é a Xunta quen ten competencias exclusivas en materia de política industrial e promoción económica. Polo tanto, dixo, é o presidente da Xunta quen ten que propoñer e liderar o pacto, explicar en que consiste a súa proposta e poñendo orzamento enriba da mesa, abandonando a “estratexia de escapismo constante”.
Fernández Leiceaga lembrou que “xa houbo un Plan Ferrol impulsado por Zapatero”, que non se repetiu co goberno de Rajoy, mentres o goberno galego, que si anunciou unha estratexia para Ferrol, “nunca deu conta” dos seus resultados, co que “cabe presumir que non houbo demasiado éxito nas medidas”.