O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe á Xunta de “incumprir o seu programa que prometía unha Nova Lei de Mobilidade” que ata o día de hoxe segue sen ser proposta. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista na que instaba á Xunta a presentar esta norma e que foi vetada polo PP.
O representante socialista esixiulle ao goberno galego “unha regulación do transporte galego en base a sustentabilidade, que xestione a mobilidade eficiente en tempo, custo, calidade e medioambiente, que é o que a sociedade reclama”. Acusou ao goberno de “non querer mellorar a mobilidade para que se adapta os problemas actuais, como por exemplo o cambio climático e as exixencias sociais”.
O portavoz do Grupo Socialista lamentou que o Plan de Transporte ou a Lei de Acompañamento de 2017, citados reiteradamente polo goberno galego, “non deixan de ser plans que non fan referencia a calidade e sustentabilidade da mobilidade que é o que demanda o Grupo Socialista”. Criticou que o goberno galego aluda a unha regulación sobre Mobilidade a base de “retallos” normativos, entre leis, documentos administrativos ou resolucións sobre os distintivos no taxi.
Álvarez destacou que o Plan “tan só menciona a palabra sostible en 7 ocasións en 197 páxinas, sendo varias tan só en contexto económico” polo tanto no se pode soster que se está a traballar na mobilidade sostible se nos plans dedicados a este tema apenas se menciona a palabra clave.
Criticou que o PP “elude calquera tema que se lle menciona derivando todo cara Vigo, Ferrol, ou A Coruña”, e ironizou que “se falamos do cultivo de berzas nos Ancares seguro o goberno contesta que en Vigo danse moi ben” demostrando a “pasividade” e a opción da “non resposta” por parte da Xunta como forma de goberno.
Proposta
O responsable socialista reclamáballe ao goberno galego que presente no Parlamento unha Lei de Mobilidade Sustentable que regule o transporte de persoas e mercadorías e “que se adecúe aos esixentes criterios de sustentabilidade” acorde ás directrices comunitarias.
Criticou que o goberno galego teña renunciado ao compromiso autoimposto polo PP no seu programa electoral do ano 2016 de aprobar unha Lei que regule o transporte público con criterios medioambientais para cambialo por “todo un microcosmos normativo co que pretenden que confundamos unha Lei”.
Acusou ao goberno galego de quedarse atrás con respecto ás esixencias fundacionais da UE e do propio Libro Branco sobre a política común de transportes e mesmo de outras comunidades autónomas gobernadas tamén polo PP que si que teñen aprobada unha Lei de Mobilidade Sustentable.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE