Julio Abalde advirte da desautorización ao alcalde de Coristanco por parte do seu partido logo de que aprobara unha moción no pleno do concello pedindo as obras
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, lamentou hoxe o voto do PP en contra da reforma integral do CEIP Canosa – Rus de Coristanco e resolver as importantes eivas provocadas por anos de abandono. Abalde presentou unha proposta na Comisión de Educación que incluía incrementar a dedicación do profesional de audición e linguaxe para que pase das 19 horas que ten hoxe á dedicación exclusiva, pero que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista advertiu que este voto en contra do PP supón unha desautorización do alcalde da localidade, do seu mesmo partido, que apoiou unha moción no Concello solicitándolle á Xunta que realizara precisamente as obras de reforma que o edificio necesita con urxencia. Reclamoulle ao goberno galego que resolva os problemas de filtracións e humidades, fiestras mal illadas, e un sistema de calefacción claramente obsoleto.
Considera “inconcibible” que o goberno estea a defender “un día tras outro” que Galicia ten o mellor sistema educativo de España e “á altura do ano 2025” teñan un edificio nestas condicións deplorables e que precisa da substitución urxente de cubertas, fiestras e caldeira.
Persoal de apoio
Julio Abalde reclamou ademais a contratación a tempo completo do persoal de apoio educativo, en concreto de audición e linguaxe, para garantir “as mesmas condicións e posibilidades” para tódolos rapaces e rapazas de Galicia independentemente de onde vivan. Afeoulle que “a día de hoxe os recursos non se axustan ao número real total de alumnos con necesidades educativas especiais no sistema educativo galego”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de utilizar a Lei de Acompañamento para incumprir o acordo que eles mesmos asinaron coas centrais sindicais para reforzar o profesorado de apoio este mesmo curso. Isto se traduce en que os nenos e nenas de Coristanco seguen abandonados e sen contar co profesorado de apoio ao que teñen dereito.