O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta presentada en Comisión polo PSdeG para mellorar a calidade sanitaria no Concello de Meis e solicitar unha xuntanza co Goberno municipal para dar conta dos recortes dos servizos. Torrado cualificou de “vergoñento” que hoxe teñan rexeitado unha proposta que o propio PP votara a favor hai mes e medio no Concello.
Torrado criticou que o PP teña empregado a escusa da covid para xustificar uns recortes que xa se replicaran o ano pasado, cando non existía a pandemia e que daquela xustificaban polas baixas de persoal. Criticou que teñan ofrecido unha “explicación falaz e probablemente non veraz”, dixo antes de acusar ao Sergas de “tapar un problema para non resolvelo” a pesares das mobilizacións cidadás e das peticións do goberno local.
Levou ao Parlamento a falla dun especialista de Pediatría, o que obriga ás familias a desprazarse primeiro a Cambados, despois a Baltar –Sanxenxo-, agora de volta a Cambados, ou a supresión da Matrona. O Centro de Saúde de Mosteiro, ademais, “está atendido este mes de setembro por un só profesional, con demasiada carga asistencial para poder dar resposta a todas as peticións, mentres o centro de Paradela estivo sen atención sanitaria durante este verán”.
Criticou que “o Sergas quere negar a evidencia da necesidade dun novo Centro de Saúde para Meis, cando resulta que ten os terreos para facelo”. Sinalou que “a orixe desta situación está en que “non é posible desenvolver unha Atención Primaria de calidade cando perdemos 1.100 profesionais de Atención Primaria dende 2009, e a sanidade conta con 140 millóns de euros menos cada ano dende entón”.
O responsable socialista instou a “resolver esta situación dunha vez dotando á sanidade pública de máis recursos” e advertiulle ao PP que “non se pode defender á sanidade polas mañás e pola tarde recortar”. Torrado acusou ao PP de ser “máis áxil recortando en Sanidade e votando contra o Estado de Alarma que votando contra os fascistas”, en alusión ao debate da moción de censura que se está a debater no Congreso.
Alcaldesa
O responsable socialista mantivo logo do debate un encontro coa alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e os integrantes do goberno local, que seguiron o debate dende o Parlamento de Galicia. Giráldez dirixiuse aos responsables do PP de Meis, aos que lles dixo que “de nada vale que anden recollendo firmas polas portas e veñan e voten que non ás melloras sanitarias, de nada vale votar a favor dunha moción e aquí –no Parlamento- os seus compañeiros votan doutra forma”.
Lamentou que a portavoz do PP no Parlamento “non soubera nada” da petición do Concello de manter unha xuntanza co responsable de Sanidade para presentar as súas reivindicacións. Animou aos veciños e veciñas da localidade a que “sigan reivindicando os seus dereitos, porque o goberno local vai estar sempre mellora sanitaria do noso concello, seguiremos indo onde teñamos que ir”.