O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposta socialista para reverter o Hospital Álvaro Cunqueiro –HAC- de Vigo á titularidade pública e xestión pública integral. O parlamentario socialista responsabilizou ao goberno galego de que “hoxe na Área Sanitaria de Vigo, a máis grande de Galicia, non existe un hospital público”.
Torrado presentou no Pleno do Parlamento unha proposta para “renegociar o contrato” que fixou a cotitularidade do centro hospitalario cunha empresa privada, Acciona, que precisamente vén de vender a súa participación a un fondo de inversión francés por 448 millóns de euros. Preguntou “por que a Xunta non se propuxo en ningún momento entrar a poxar na venta de Povisa ou do HAC, cando é financeiramente máis barato e a asistencia sanitaria máis eficiente”.
O responsable socialista responsabilizou ao presidente da Xunta de ter cambiado o modelo orixinal proxectado polo goberno do socialista Emilio Pérez Touriño, que prevía un custe de menos de 450 millóns e 1.200 camas a través da Spi por un financiamento mixto que lles custa aos galegos e galegas 1.400 millóns de euros para ter 300 camas menos. Sinalou que “cando Feijóo fala de sanidade frótanse as mans os construtores, que acaban por ser ordeñadoras do sector público”.
Julio Torrado explicou que de ter respectado o modelo orixinal, o ano 2021 sería no que Galicia tería xa a plena titularidade e xestión do HAC, e en troques o que ten é que pagar 550 millóns de euros, só de canon, á concesionaria. Explicou que “hoxe e en 2021 quedan máis cartos a pagar do que se pagaría polo hospital público completo”.
Reclamou por iso buscar as fórmulas máis vantaxosas para “rescindir o contrato” e aproveitar as condicións financeiras favorables para deixar de pagar un xuro do 8 por cento acordado coa empresa. Reclamoulle ao PP que explique “ por que non quere resolver unha cuestión que financeira e sanitariamente é mellor”.
Contrato
O parlamentario socialista tivo que presentar hoxe diante da Cámara o contrato entre a Xunta e a empresa concesionaria do contrato para desbotar as “explicacións peregrinas, diversas, falaces” por parte do PP para xustificar a operación mantendo que é un hospital público en contra do que figura asinado. Explicou que no contrato figuran os 1.378 millóns de euros que recibe a “sociedade concesionaria Hospital de Vigo”, e que mesmo incorpora servizos para Povisa.
Puntualizou que de ser certo o que di o PP, entón “hai semanas que alguén vendeu en accións a metade dun Hospital público, teñan coidado porque hai unha estafa aí, e de seguir así igual vende o Parlamento a algunha empresa”.
Comparou este modelo precisamente co modelo de fundacións privadas para construír e xestionar os hospitais comarcais que resultou un “fiasco, un desastre de xestión e económico”, que tivo que ser revertido polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño pagando o dobre do que terían custado de ser feitos plenamente públicos dende o comezo.
Aquel goberno tivo que facer fronte a “indemnizacións, pago de débedas e gastos acumulados nos caixóns” porque “alguén quixo facer fundacións, un secretario xeral técnico de Sanidade que se chamaba Alberto Núñez Feijóo”.