O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP a calquera proposta de diálogo cos traballadores da sanidade logo de que o goberno galego “non resolvera ningún conflito laboral”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei presentada polos socialistas no Pleno do Parlamento que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de pecharlle a porta aos traballadores da sanidade pública competencia do goberno glaego mentres “instrumentalizan vilmente” aos de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal contra o goberno central. Sinalou que a Xunta se abrace a aqueles traballadores mentres se nega a sentarse cos traballadores das ambulancias mentres a empresa coa que contrata o goberno galego “quere descolgarse do convenio”.
Denunciou que Sanidade “aperta e afoga aos traballadores, semella desfrutar co seu sufrimento mentres teñen que renunciar a dereitos para conseguir manter o sistema en pé” e os ten “esquecidos porque ponse de lado dos empresarios”. Os mesmos empresarios, sinalou, baixo investigación xudicial por un concurso de 120 millóns de euros logo de que a empresa dun exdeputado do PP tivera ás ambulancias preparadas mesmo antes de coñecerse as condicións.
A mesma empresa, dixo, que está a anunciar que non pode asumir o pago do salario mínimo para os seus traballadores, logo de recibir unha adxudicación millonaria. Explicou que “os traballadores das ambulancias necesitan que a Xunta se posicione e saber se a empresa pode descolgarse do convenio”, e a cidadanía “necesita saber das condicións laborais dos traballadores e traballadoras públicos”.
Criticou que o PP e o goberno galego “presuman de dialogantes cando os xefes de servizo de Vigo dimitiran por terceira vez, teñan un anuncio de folga de médicos para abril, o conflito das ambulancias estea no punto álxido, e continúan os problemas en Urxencias de Santiago ou nos PACs”.
O responsable socialista sinalou a “defensa a ultranza” ao conselleiro de Sanidade por parte do PP que, puntualizou, “se fora el estaría preocupado, porque o último gran aplauso que vin no PP foi a Cristina Cifuentes” antes da súa dimisión. Reiterou a petición de dimisión ou cese do conselleiro de Sanidade, reclamando “o cambio na Consellería, pero acompañado dun cambio de políticas e de actitude” para restaurar o diálogo.
Historia do partido
O responsable socialista amosouse hoxe “orgulloso do pasado do meu partido”, logo das alusións vertidas na sesión de control polo presidente da Xunta. Torrado defendeu o legado de González, e Zapatero, e do presente de Pedro Sánchez, así como das presidencias de González Laxe e Emilio Pérez Touriño en Galicia.
Contrastou este “pasado” co dun PP no que “non estaría nada orgulloso de fotografarme con Marial Dorado, narcotraficante”, en alusión ás fotos de Feijóo no iate de Dorado, ou de ter “unha sede doada polo contrabandista Vicente Otero Terito”, así como de contar con “alcaldes condenados por narcotráfico”.