A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que amose “o seu apoio público” á xogadora galega que se negou a seguir un minuto de silencio en memoria de Maradona como acto de reivindicación feminista. Ademais, reclama a condena do goberno galego ás ameazas que a deportista está a sufrir como consecuencia da súa acción.
A responsable socialista pídelle ao goberno galego que recoñeza a súa “acción de valentía e en prol da igualdade”, ademais de “condenar todas as ameazas que leva sufrindo a consecuencia” da súa acción. Sinala que “os pequenos xestos moven o mundo, e esta moza pontevedresa deu unha gran lección a toda a sociedade, rexeitando co seu xesto que os privilexios de ser unha lenda do fútbol estean por riba das violencias machistas”.
Díaz lembra os argumentos da xogadora do clube Viaxes Interrías Fútbol Feminino, quen sinalou que “polas vítimas de maltrato non se garda no campo un minuto de silencio, pero si por Maradona, alguén que é recoñecido tanto polo que fixo dentro como fóra do campo, e que precisamente non é para estar orgulloso”.
O futbolista arxentino faleceu o 25 de novembro, precisamente cando se conmemoraba o Día Internacional para a eliminación de Violencia contra a Muller, e o acto da futbolista pontevedresa tivo lugar o 28 de novembro, logo de que a Federación Española de Fútbol decretara un minuto de silencio ao comezo dos encontros.
A parlamentaria socialista sinala ademais que “non se poden consentir os discursos de odio e fanatismo nunha sociedade que queremos igualitaria, e na que cada quen debera poder expresarse libremente, máxime cando a súa reivindicación pon o foco na violencia contra as mulleres”. Lembra que lamentablemente a semana pasada outra muller galega, a terceira no que vai de ano, foi asasinada pola súa parella na localidade pontevedresa de Gondomar.