O parlamentario socialista Martín Seco vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que incorpore novas prazas públicas ao proxecto de reforma do Centro de Día e do Fogar Residencial da Laracha, actualmente en execución. O responsable socialista advirte que esta obra, por importe de 1,5 millóns de euros, mantén as mesmas 18 prazas que hai na actualidade, e que xa están cubertas.
O parlamentario socialista reclámalle ao goberno galego que inclúa un número de prazas suficientes ata cubrir a demanda existente neste concello coruñés. Advírtelle ademais ao goberno galego que ten que manter debidamente informadas ás persoas usuarias, así como ás súas familias, de tódalas actuacións e os posibles cambios na prestación dos servizos que vaian sufrir durante a obra.
Seco explica que tanto o centro de día como a residencia de maiores forman parte da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e polo tanto están sendo xestionados pola Xunta. Así, demanda información sobre o contido da reforma, o cronograma previsto e os motivos do goberno galego para impulsar esta reforma.