Julio Torrado sinala que “non ten sentido que a Xunta estea máis preocupada de anunciar a campaña que de facela ben”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias sobre o desabastecemento de vacinas da gripe na campaña de vacinación organizada pola Xunta. Torrado lamenta a “falla de previsión” do Executivo nunha campaña que anunciou sen ter doses suficientes, provocando mesmo a acumulación de poboación pertencente a grupos de risco “só para conseguir titulares”.
Torrado advirte que “a falla de previsión por parte do goberno galego convértese nun problema no actual escenario”, ademais da preocupación que xera na cidadanía pola deficiente xestión dos responsables de Sanidade do goberno galego. Sinala que “parece mentira que a Xunta non teña previsto o que ocorreu, especialmente tal e como está a situación, co temor da cidadanía con respecto á saúde e os problemas que está a vivir a poboación”.
Sinala que “carece de sentido que a Xunta se teña demostrado máis preocupada de anunciar as cousas que de facelas ben”, como demostra que unha campaña de vacinación coa que “chaman a vacinarse a milleiros de persoas e que acumulan as solicitudes nos centros de saúde para despois dicirlles que non hai suficientes doses”.
Julio Torrado apunta que “a campaña de vacinación debera ter un funcionamento especialmente optimizado en recursos, protocolos e persoal dispoñible”, polo que reclamou coñecer “as doses que se compraron, a previsión e coñecer que vai pasar agora”. O parlamentario socialista quere que a Xunta explique “se van volver chamar ao resto da poboación sen vacinar ou se poden garantir o desenvolvemento da campaña sen provocar caos”.