Categorías: Actualidade

O Grupo Socialista denuncia “inmobilismo, autocompracencia e unha visión extremadamente burocrática” do proxecto de Lei da acción exterior

Pablo Arangüena lamenta que “en 11 anos de goberno, a única acción de captación de investimento estranxeiro por parte do autodenominado gran xestor que é o señor Feijóo foi o caso Pemex”

Denuncia “a falla de oportunidades na nosa terra” para “a xente nova, ben formada e cualificada, na que o noso sistema educativo investiu moito tempo e recursos”

Santiago de Compostela, 24 de novembro 2020. O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de pedir a devolución do proxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que presentou hoxe o vicepresidente da Xunta no Pleno do Parlamento. Así, Arangüena lamentou que o texto afronte “os problemas da acción exterior galega entre o inmobilismo, a autocompracencia e unha visión extremadamente burocrática”.

O responsable socialista destacou que “na elaboración desta norma non se percibe unha implicación suficiente por parte dos actores interesados”, xa que “exclúe á comunidade exterior galega” e “non reflicte adecuadamente a problemática existente”. Así, tachou a norma de “atrapallada” e “imprecisa” con “declaracións tan extensas como baleiras de contido”.

Arangüena lamentou que a lei “apenas contemple” a regulación da acción de promoción económica no exterior, cando “Galicia é sistematicamente, ano tras ano, unha comunidade que recibe moito menos do investimento directo que a media do estado”. Así, incidiu en que en 2019 “foi publicitado como grande éxito pola Xunta a captación de inversión”, cando “captou 112 millóns de 14.792, é dicir, menos do 1% do total, cando o seu peso no PIB e na poboación do conxunto do estado supera o 5%”.

“En 11 anos de goberno, a única acción de captación de investimento estranxeiro por parte do autodenominado gran xestor que é o señor Feijóo foi o caso Pemex”, aseverou. Así, Arangüena lamentou que “o acordo marabilloso” que implicaba que Pemex mercaba o estaleiro Barreiras e se comprometía a fabricar “máis de 20 barcos”, quedase tan só “en dous barcos e nun centro loxístico para toda Europa en Punta Langosteira do que nunca máis se soubo”.

Arangüena propuxo definir unha estratexia exterior “que aproveite o potencial económico e relacional da diáspora galega”, unificar a dirección da acción exterior galega, “actualmente dispersa, baixo unha única secretaría xeral”, así como reformar o IGAPE para convertelo “nun auténtico organismo de promoción económica exterior de Galicia”.

“A FALLA DE OPORTUNIDADES NA NOSA TERRA”

O responsable socialista denunciou “a falla de oportunidades na nosa terra” para “a xente nova, ben formada e cualificada, na que o noso sistema educativo investiu moito tempo e recursos”. Arangüena destacou que “hai decenas de milleiros de profesionais que tiveron que saír de Galicia na última década”, fronte á “omnipresente propaganda oficial que nos pinta unha Galicia feliz e encantada de coñecerse a si mesma que non existe na realidade”.

Neste senso, lamentou que Galicia estea “moi lonxe de ser excelente no eido científico e tecnolóxico”, xa que “caeu a plomo retrocedendo 27 posicións entre os anos 2013 e 2019 no ranking de competitividade rexional que elabora a Unión Europea”. Así, sinalou que “as posibilidades de que Galicia se converta nun polo de excelencia científica e tecnolóxica que haxa que promover no exterior como di a lei son tan elevadas como as de que Galicia se converta no país das marabillas”.

“Á XUNTA PARECE QUE O QUE MÁIS LLE IMPORTA É O CLIENTELISMO”

Doutra banda, Arangüena denunciou que “á Xunta parece que o que máis lle importa é o clientelismo”, xa que “as axudas discrecionais e os convenios de colaboración cos centros galegos, que con demasiada frecuencia serven para manipular o voto exterior, proliferaron na campaña e na precampaña”.

Así, lembrou que hai menos dun ano o Tribunal de Contas do Estado, “nun exame aleatorio, abriu expediente de responsabilidade contable pola desviación de 300.000 euros que, teoricamente estaban destinados a axudar á comunidade española de Venezuela”, e finalmente “foron destinados a fins electorais”.

O responsable socialista referiuse tamén ás informacións do xornal El Diario que, o 20 de febreiro deste ano, “aseguraba que un alto cargo da Xunta de Galicia nomeado por Feijóo, trazara un plan en Venezuela” para que unha fundación pública “cubrise con fondos propios o buraco de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Contas na xestión das axudas de emerxencia aos españois naquel país durante 2015 e 2016”. Así, Arangüena lamentou que dita información “se refería a Rodríguez Miranda, recentemente ratificado como secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia”.

Neste senso, o responsable socialista incidiu en que “podemos supoñer que esta falcatruada” que “presenta evidentes indicios delitivos” é “soamente a punta do iceberg” e “dá idea de cales son as prioridades da Xunta, de Feijóo e de Rodríguez Miranda” no relativo á acción exterior.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18