Paloma Castro censura as manifestacións de “desprezo” do presidente da Xunta “apelando á policía de balcón” e “cuestionando que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado non están cumprindo fielmente coas súas responsabilidades públicas”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de criticar a “actitude de desprezo” da Xunta cara a Policía adscrita, xa que “nin os recibe, ni os escoita, nin conta con eles”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento durante a presentación dunha pregunta ao goberno galego sobre a necesaria recuperación do diálogo social con dita unidade.
“Quéixase o señor Feijóo de non ter ao seu mando a dispositivos de seguridade e aos que ten ás súas ordes, a Policía adscrita, non os recibe”, sentenciou a socialista, quen criticou as recentes declaracións do presidente da Xunta “cuestionando que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado non están cumprindo fielmente coas súas responsabilidades públicas”.
Así, considerou de “kafkiano” o “desprezo” do máximo dirixente do goberno galego mentres “apelaba á policía de balcón para controlar os incumprimentos” da cidadanía, é dicir, “que nos vixiaramos uns aos outros”.
Castro criticou que a Xunta non quere recibir ao colectivo, xa que “dende xaneiro de 2020 ata hoxe, e tras moitas peticións de reunión mediante solicitudes por rexistro e publicas, as organizacións sindicais da Policía adscrita unicamente foron recibidas polo director xeral de Interior unha vez e para tentar lavar a cara”, lamentou Castro.
Así, a responsable socialista criticou que a Xunta só recibise ao “representante sindical amigo”, unha persoa “que foi nas listas do PP ao Concello de Pontevedra”, o que supón que a “actitude do goberno galego e, nomeadamente, da Consellaría de Interior, suspende en primeiro de democracia”.
“O nivel de amiguismos rompe o mínimo decoro e as regras do xogo democrático e xa non só llo digo polas medallas da vergoña, senón pola actitude que este goberno está a ter en xeral cos sindicatos máis representativos da Policía adscrita, aos que nin recibe”, aseverou a socialista.
Doutra banda, Castro criticou que a Xunta non satisfaga as “reivindicacións” do colectivo, “como a necesidade de chalecos antibalas individuais” que son “necesarios para a súa seguridade” ou “a maior transparencia na gratificación por servizos ordinarios”.
Por último, a vicevoceira do Grupo Socialista pediu ao Vicepresidente da Xunta “que recupere o diálogo social” coa Policía adscrita, que “está a garantir a nosa seguridade”, “exerce un papel fundamental” e “unha labor imprescindible”.