A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, acusou hoxe a Feijóo e ao seu goberno de “despreocuparse totalmente do sector turístico”. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG en Comisión para pedirlle á Xunta que poña en marcha axudas directas ás axencias de viaxes e “plans reais de reactivación do sector”.
A responsable socialista advertiu que “o sector turístico necesita urxentemente un plan de rescate, e non axudas moi insuficientes que non chegan ou chegan tarde”, e explicou que logo dun ano de pandemia “as axudas non chegan”, xa que a Xunta apenas destina 300 euros de axuda a un hostaleiro que ten 6.000 de gastos. Preguntou neste sentido “onde están os 745 millóns de euros que o goberno do Estado lle enviou á Xunta para atender esta situación”.
Leticia Gallego denunciou o “escurantismo” na xestión das axudas por parte do goberno galego e esixiu “un plan de rescate serio para salvar ao sector turístico galego, poñendo enriba da mesa sen demora axudas potentes e recursos suficientes”. Criticou que o Goberno galego se manteña “na improvisación constante” e “obviando os grandes problemas económicos do sector cando “ten capacidade orzamentaria” para afrontar a situación.
Sinalou que “máis de 100.000 empregos e milleiros de empresas en perigo de peche son sen dúbida motivos suficientes para tomar en serio este problema”. Esta situación afecta especialmente ás axencias de viaxe galegas, ata o punto de que se a Xunta non toma cartas no asunto, estímase que 2 de cada 3 dos máis de 600 puntos de venta de Galicia terán que pechar no próximo ano, un panorama “catastrófico” para os máis de 2.000 empregos directos.
Por iso solicitou axudas directas para que as axencias de viaxes poidan afrontar os gastos fixos e a renovación dos seguros de caución e de responsabilidade civil, que pesan como unha lousa nas finanzas destas entidades. Ademais, reclamou plans reais de reactivación con “bonos turísticos” realmente efectivos para estimular a demanda, lonxe do “bono solidario” que presenta o goberno galego, descoñecendo que tal e como o teñen plantexado é inviable.