A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que inclúa nos Orzamentos de 2021 axudas directas para as axencias de viaxes de Galicia. A responsable socialista presentou unha pregunta oral para pedirlle apoio á Xunta para que estas entidades poidan afrontar os gastos fixos e a renovación dos seguros, que están a poñer en perigo a súa continuidade pola situación derivada da pandemia.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “materialice inmediatamente” as axudas a este sector e que “non se quede nun mero anuncio” porque “as axencias de viaxes, o comercio e a hostalería non queren promesas: queren feitos”. Gallego reclamoulle ao conselleiro de Vicepresidencia que reciba á Plataforma de Dereitos das Axencias de Viaxes para analizar o apoio do goberno para un sector ata o momento esquecido polo goberno galego.
Explicou que a comezos de 2020 había en Galicia máis de 600 puntos de venta, que supuñan máis de 2.000 empregos directos, e advertiu que, de seguir así, dúas de cada tres axencias de viaxes de Galicia terán que pechar definitivamente as súas portas ao comezo de 2021. Advertiu que o Plan de reactivación do turismo posto en marcha pola Xunta excluíu ás axencias de viaxes, e medidas como o “bono solidario” foi “inviable e mal exposto dende a súa presentación”.
A parlamentaria socialista sinalou que estas axencias de viaxes están a sufrir cancelacións dende os primeiros meses de ano, véndose obrigadas a devolver o cento por cento de todas e cada unha das reservas de clientes. Logo do balance negativo dos primeiros meses de ano, tiveron que afrontar tamén unha “mala tempada de verán” e a nova onda de cancelacións debido ás limitacións perimetrais.
Agora enfróntanse ademais á problemática derivada da renovación dos seguros de caución e de responsabilidade civil, que condicionan a vixencia das licencias e por conseguinte a continuidade da actividade. Explicou que “están recibindo cartas das compañías aseguradoras, que informan de que non farán a renovación das pólizas ou, no mellor dos casos, dunha suba das primas dos seguros dun mínimo do 15 por cento”.
Leticia Gallego reclamoulle á Xunta que apoie ás axencias de viaxes fronte a unha “situación desesperada” e que os “tomen en serio” porque “o turismo ten que ser un sector estratéxico para as políticas públicas do goberno galego ante esta crise económica”.