A parlamentaria socialista Patricia Vilán presentou no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas sobre o colapso do servizo de Urxencias que ten sufrido a pasada fin de semana o Hospital Montecelo, en Pontevedra. Vilán apunta á negativa da Consellería de Sanidade a reforzar ao persoal, así como ao “inexplicable” peche de camas hospitalarias, como os principais motivos desta situación.
Vilán explica que a falla de persoal nos centros de saúde e os PAC da Área Sanitaria provoca que as persoas doentes se despracen ao servizo de Urxencias de Montecelo. A situación agrávase ademais polo peche de camas hospitalarias, que provoca “un tapón” ao non haber camas dispoñibles para as persoas que se atopan no servizo á espera de ingresar en planta.
A situación colapsou o pasado venres, onde pacientes considerados prioritarios tiveron que agardar 6 horas para seren atendidas, e chegou a haber ata 49 persoas pendentes de pasar a un “box” ás 10 da noite. O sábado a situación foi a mesma, cando 61 pacientes pasaron por Urxencias entre as 10 da mañá e o comezo da tarde.
A parlamentaria socialista considera “imposible de entender por que a Consellería non abre as camas pechadas e contrata máis persoal de maneira definitiva” e considera “imposible de crer” o informe feito público polo que o domingo quedarían 11 camas libres en área médica nos hospitais provinciais e Montecelo, ademais de 4 camas de coronarias, 6 de críticos, 15 de obstetricia, 28 de pediatría e 11 camas cirúrxicas.